Inditex gaña 1.294 millóns no seu primeiro trimestre fiscal, 10,8% máis

O grupo Inditex é o primeiro empregador da Galiza con máis de 47.000 traballadoras e traballadores. (Foto: Manuel Milan)
O resultado operativo (Ebitda) creceu 8%, até os 2.370 millóns de euros.

Inditex rexistrou un beneficio neto de 1.294 millóns de euros durante o primeiro trimestre do seu exercicio fiscal 2024-2025 —entre o 1 de febreiro e o 30 de abril—, o que supón un incremento de 10,8% a respecto dun ano antes, segundo informou esta cuarta feira o grupo, que volveu lograr novos récords, se ben moderou o seu ritmo de crecemento en vendas, coa súa menor alza desde a pandemia.

As vendas, pola súa parte, medraron 7,1% en comparanza co primeiro trimestre de 2023 e alcanzaron 8.150 millóns de euros, cunha evolución "moi satisfactoria". A venda a tipo de cambio constante incrementouse 10,6%. Aliás, a marxe bruta subiu 7,3%, até os 4.940 millóns de euros, e ficou en 60,6% (+13 puntos básicos fronte ao primeiro trimestre de 2023).

A compañía, aliás, destacou que todas as liñas de gasto mostraron unha evolución favorábel. Os gastos operativos creceron 6,4%, por baixo do incremento das vendas. Se se inclúen todos os cargos por arrendamentos, os gastos operativos medraron 110 puntos básicos por baixo do crecemento das vendas.

O resultado operativo (Ebitda) creceu 8%, até os 2.370 millóns de euros, mentres que o resultado neto de explotación (Ebit) aumentou 10,3%, até 1.636 millóns de euros, e o resultado antes de impostos, 11,1%, até os 1.672 millóns de euros. A posición financeira neta situouse en 11.623 millóns de euros ao remate do primeiro trimestre do seu último ano fiscal, fronte aos 10.508 millóns dun ano antes.

"No primeiro trimestre de 2024, Inditex continuou co seu forte desempeño operativo grazas á creatividade dos seus equipos e á boa execución do seu modelo de negocio integrado de tenda e online", destacou a compañía, que subliñou ademais que as coleccións da campaña de primavera-verán foron "moi ben recibidas" polos seus clientes e clientas. De feito, as vendas en tenda e online a tipo de cambio constante entre o 1 de maio e o 3 de xuño de 2024 creceron 12% respecto ao mesmo período de 2023.

Inditex destaca que continúa vendo "grandes oportunidades de crecemento". "As nosas prioridades son a mellora continua da nosa proposta de moda; a optimización da experiencia de cliente; o avance na sustentabilidade, e a preservación do talento e o compromiso das nosas persoas", precisou. "Manter estas prioridades impulsará o crecemento a longo prazo. Para levar o noso modelo de negocio ao seguinte nivel e ampliar aínda máis nosa diferenciación, estamos a desenvolver unha serie de iniciativas en todas as áreas crave para os próximos anos", engadiron desde Inditex.

No seu primeiro trimestre fiscal Inditex realizou aperturas en 28 mercados. O 3 de abril reabriu 19 tendas de sete formatos e reiniciou a venda online en Ucraína. En total reabríronse 48 tendas neste mercado. Ao feche do primeiro trimestre Inditex operaba 5.698 tendas.