BNG pide a comparecencia de Feijóo na reapertura da Comisión de Investigación das caixas

Imaxe da comisión

A oposición ten un temor: que o PP reabrise a comisión para a fechar de inmediato sen chegar ao fondo do asunto, isto é, sen depurar responsabilidades políticas polo desaparecimento das caixas galegas.

A Comisión de Investigación xa está aquí, reapareceu cunha breve reunión de reconstitución esta segunda feira e todo indica que os obxectivos de goberno e oposición son antitéticos. Aquel tenciona liquidar o asunto canto antes co argumento de que as responsabilidades se esgotan coa entrada dos ex directivos na cadea, entanto que En Marea, PSdeG e BNG enfatizan que fica por esclarecer que se puido facer desde o goberno, e que non se fixo, para evitar o espolio do aforro galego.

Aponta alto o BNG e pide, neste retorno da comisión, a comparecencia do máximo responsábel político da Xunta, isto é, do seu presidente, porque, explicou Ana Pontón un breve encontro coa imprensa, está directamente atinxido en dous asuntos chave: as xubilacións multimillonarias dos ex directivos e a compra a prezo de saldo de Novacaixagalicia por parte da venezuelana Banesco.

Sobre o primeiro asunto, salientou Pontón que os ex directivos non poderían ter modificado os seus contratos para se autoconcederen as xubilacións multimillonarias se previamente Feijóo non tivese avalado unha reforma da Lei de Caixas para blindar a continuidade dos executivos no seu cargo durante o proceso de fusión (foi no curso deste proceso en que alteraron as súas condicións contractuais).

A respeito da compra de NCG por Banesco, a líder do BNG dixo: "Queremos saber cal foi o custe real para resgatar as caixas e por que, sen que houbese ningunha razón que o aconsellase, se precipitou a venda. De non terse feito, hoxe teríamos unha entidade galega que estaría dando beneficios e recuperando parte do invertido e, ao mesmo tempo, teríamos un mecanismo fundamental para a economía do país".

Por súa parte, o PSdeG vai reclamar as comparecencias do ex gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, e do director do FROB.

No que atinxe a En Marea, a intención, segundo soubo Sermos, é reclamar as comparecencias que non se realizaron na pasada lexislatura. Será precisamente un dos seus parlamentares -o responsábel de Economía, Manuel Lago- quen actuará como secretario da comisión.

O que defende o PP é que o tempo das comparecencias xa pasou e que do que se trata é de redactar o ditame -as conclusións- da comisión.

Para Pedro Puy, portavoz do grupo parlamentar do PPdeG, o que persegue a oposición coa petición de novas presenzas na comisión non é esclarecer a verdade, senón procurar un rédito politico e desgastar o goberno.