BNG pide no Parlamento a anulación do ERE na Xunta

@s nacionalistas presentan unha proposición non de lei na Cámara autonómica para que o executivo paralice e deixe sen efecto os trámites de despedimentos de empregados públicos e amortización de prazas

 

O BNG vén de presentar unha proposición non de lei no Parlamento de Galiza, iniciativa pola cal se pide á Cámara auonómica que inste ao goberno galego "a anular todos os trámites" relacionados co ERE encuberto na administración pública. Unha regulación que afecta a 251 postos na Consellaría de Traballo e Benestar, alén de se estender a outros departamentos (despedimento de 48 interin@s en Educación).

Para a deputada nacionalista Tereixa Paz, este "ERE encuberto" afecta persoas que prestan servizos básicos á cidadanía, "que vai notar directamente os efectos diso". Para a parlamentar do BNG, "estamos ante un ataque frontal aos servizos públicos, aos seus traballadores e aos seus usuarios". Tereixa Paz acusou Núñez Feijóo de facer da fraude "o seu capital político" ao lembrar que na campaña electoral "prometera que non ía pedir máis sacrificios aos empregados públicos". Mais pouco despois da cita coas urnas, proseguiu Paz, "aplacou unha rebaixa salarial a ese colectivo, e agora, despedimentos e amortizacións de prazas".

 "Deriva preocupante"

Na proposición non de lei, o BNG considera que o ERE na Xunta significa "unha deriva preocupante que inicia este goberno", pois entenden que vai haber "unha proliferación de EREs no ámbito da Xunta". Enmarcan este paso do executivo de Feijóo na estratexia de "destrución dos servizos públicos".

Tereixa Paz informou que tamén solicitarán a comparecencia en sede parlamentar de Núñez Feijóo ou Alfonso Rueda "para que dean explicacións sobre esta regulación de emprego na administración pública".