"Por que Carmena ten máis recursos por habitante do que os alcaldes de Pontevedra ou Santiago?"
Os concellos galegos receben 50 euros por habitante menos do que a media estatal. A discriminación é máis notoria nas cidades. As galegas obteñen un promedio de 252 per cápita face os 499 euros de media das grandes urbes estatais.
O BNG continúa a súa batalla de ideas a prol da conquista do concerto económico para o país, isto é, a plena autonomía fiscal que consistiría en que Galiza recadaría todos os impostos e transferiría ao Estado só unha parte deles (para o financiamento dos servizos que Madrid presta aquí e tamén para engrosar unha conta que iría á cohesión territorial).
Nesa batalla o BNG exhibiu un novo argumento, o de que a aplicación do concerto económico permitiría mellorar sustancialmente o financiamento dos concellos galegos, claramente prexudicados, opinan desde a formación frontista, co actual modelo de participación nos ingresos do Estado, baseado en criterios que non ponderan con suficiencia factores como o avellentamento da populación e a dispersión habitacional.
E, para pór en evidencia este problema, a formación liderada por Ana Pontón reuniu esta cuarta feira en Compostela unha representación do poder municipal nacionalista, alcaldesas, alcaldes e responsábeis municipais.
"A miña pergunta é moi clara: por que os alcaldes de Pontevedra ou Santiago teñen 249 euros menos por habitante que, por exemplo, a alcaldesa de Madrid, a señora Carmena, para financiar os servizos que prestan aos seus veciños e veciñas? Por que Pontevedra ou Santiago merecen menos recursos por habitante que Madrid ou outras grandes cidades do Estado?", perguntouse a líder nacionalista.
"Por que Pontevedra ou Santiago merecen menos recursos por habitante que Madrid ou outras grandes cidades do Estado?", perguntouse a líder nacionalista
Pontón puxo no albo Feijóo e confrontouno coa incongruencia de negar para Galiza, o concerto económico, aquilo que logo di considerar normal para Catalunya cando visita o Principat. "Empeñarse en pór os intereses de Génova [en alusión aos cuarteis xenerais do PP en Madrid] por diante dos de Galiza fainos perder 3.500 millóns de euros anuais e condúcenos á irrelevancia política", denunciou.
O BNG acordou nesta reunión levar aos concellos do país unha moción en defensa do concerto económico para Galiza. "Apostamos no concerto económico porque nos dá o control do noso diñeiro, achega 3.500 millóns de euros adicionais cos que blindar os servizos públicos e os servizos sociais e porque nos permite aplicar unha fiscalidade xusta", argumentou Pontou, quen ao tempo enfatizou que "non compramos a falsa ideia de que vivimos da soliedariedade do Estado".
Que números manexa o Bloque?
Basicamente son as cifras oficiais. De acordo cos últimos dados liquidados, correspondentes a 2014, Galiza achegou ao Estado en conceito de impostos 11.131 millóns de euros, en tanto que este transferiu ao noso país 7.043 millóns, segundo o actual modelo de financiamento. Pois ben, de aplicarmos a Galiza os criterios que se teñen en conta en Euskadi á hora de fixar o cupo (a cantidade que a Administración vasca paga a Madrid polos servizos que o Estado lle empresta, defensa, embaixadas, etc), o importe que tería de satisfacer unha Xunta en que estivese en vigor o concerto económico sería 630 millóns de euros.
Se aos 11.131 millóns de euros que o país envía á facenda estatal lle restamos os 7.042 que devolve Madrid a Galiza, a cantidad resultante sería 4.089 millóns de euros. Se a ese monto se lle resta os 630 en que o BNG calcula o cupo, o saldo favorábel a Galiza ascendería a 3.458 millóns de euros.