Branco saúda as axudas do Goberno español pola EHE exixe á Xunta investir fondos propios para o seu complemento

Vacas mortas polos efectos da enfermidade hemorráxica epizoótica nunha explotación do municipio de Xermade (A Terra Chá). [Foto: Carlos Castro / Europa Press]
A Xunta notificou esta cuarta feira a detección de cinco novos focos de EHE en explotacións bovinas das comarcas veterinarias de Arzúa, As Pontes, Compostela, Teixeiro e Terra de Melide. As comarcas veterinarias con focos xa son 35.

O delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, mostrou esta cuarta feira a súa satisfacción ante o anuncio do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, que avanzou que a semana que vén o Executivo estatal aprobará o decreto de bases para as axudas dirixidas a paliar os danos producidos pola enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), que serán xestionadas polas autonomías.

As axudas, de 15 millóns de euros a repartir entre as comunidades, poderanse complementar con subvencións autonómicas ou destinarse ao financiamento das vacinas, aos tratamentos veterinarios, á eliminación de insectos nas instalacións gandeiras ou aos tratamentos preventivos. Neste sentido, Branco instou á Xunta da Galiza a que complemente a asignación con fondos propios.

Por outra parte, o delegado do Goberno español destacou o paso adiante que supón esta medida "para frear o avance da enfermidade, que tantos danos está a causar nas explotacións galegas", e salientou "o esforzo feito en investigación para contar en tan pouco tempo cunha vacina para esta doenza".

Cinco novos focos

A Xunta notificou esta cuarta feira a detección de cinco novos focos de EHE en explotacións bovinas das comarcas veterinarias de Arzúa, As Pontes, Compostela, Teixeiro e Terra de Melide.

Así, Galiza ten notificados focos en 35 comarcas veterinarias (as cinco notificadas esta cuarta feira, A Gudiña, A Limia, Allariz, Baixa Limia, Maceda, O Carballiño, Ourense, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Ribadavia, Valdeorras, Verín, Viana, Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Os Ancares, Sarria, Terra Chá-Castro, Terra Chá-Guitiriz, Terra de Lemos-Quiroga, A Ulloa, A Paradanta, Caldas, Deza, O Condado, Pontevedra-O Morrazo, Tabeirós Terra de montes e Vigo-Baixo Miño).