O Brexit afectaría 1.800 mariñeiros e 140 barcos de capital galego que faenan no Gran Sol e Malvinas

Imaxe: M. Arrazola

Os armadores piden que se fagan valer os dereitos adquiridos e advirten que a pesca galega ten moito en xogo neste tema.

Galiza e a pesca galega xóganse moito no escenario do Brexit. Os armadores figran nuns 140 buques pesqueiros de capital galego e en por volta de 1.800 mariñeiros os que se verían afectados pola marcha de Reino Unido da Unión Europea. Mil tripulantes corresponderían á frota que faena en augas das Malvinas e uns 800 á que o fai no Gran Sol. Son números que deu a Cooperativa de armadores de Vigo (Arvi) durante as xornadas sobre o Brexit que decorreron no Círculo de Empresarios de Galiza.

Os armadores instan a facer valer os dereitos adquiridos durante estes anos e recoñecen que a frota está nunha situación de “incertidume” a respecto de como se vai desenvolver todo o proceso e as consecuencias para os barcos de capital galego. A saída do Reino Unido obrigara negociar un acordo pesqueiro entre Londres e Unión Europea e aí, sinalan, Galiza ten que facerse valer porque é moito o que se xoga.

Aliás, entenden os armadores, a marcha dos británicos é unha oportunidade para negociar novos acordos pesqueiros no seo da UE, pulando por cotas e TAcs máis acaídos á realidade da frota galega e tentando tombar o principio de estabilidade relativa que tanto dano lle fixo.