Os BRICS poñen en marcha a alternativa ao FMI e Banco Mundial

BRICs

Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica asinan esta terza feira a constitución dun Banco de Desenvolvemento, cunha achega inicial de máis de 36.000 millóns de euros. Toda unha revolución financeira.

Os presidentes de Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica (estados que suman perto de 2.900 millóns de habitantes) asinan esta terza feira a constitución dun Banco do Desenvolvemento, unha ferramenta alternativa ao FMI e Banco Mundial, e que sobrepasa o propio eido de actuación e influencia dos estados emerxentes.

O Banco de Desenvolvemento nace cunha capacidade de empréstito de máis de 100.000 millóns de dólares, e cunha achega inicial ao capital da entidade de máis de 50.000 millóns de dólares (36.000 millóns de euros).

Os BRICS -que representan o 43% da poboación mundial e producen un 25% do Produto Interior Bruto (PIB) do planeta- queren se dotar de institucións e mecanismos comúns. Aliás, os BRICS tamén acordaron hai meses pular por crear un fondo común cunha parte das súas reservas de divisas (máis de 4,4 billóns de dólares) para se axudar en caso de crise e falta de liquidez, evitando recorrer ao FMI.

Estes cinco estados tamén aspiraban a crear unha axencia de cualificación, un mecanismo de reaseguros, un consello de empresarios ou unha clasificación das Universidades.