Bruxelas activa o procedemento de sanción ao entender que España non tomou “medidas efectivas” contra o déficit

A multa podería chegar os 2.000 millóns de euros, ademais da conxelación de fondos estruturais.

Comisión europea (CE) ditaminou que o goberno de Mariano Rajoy non tomou, de forma deliberada, medidas eficaces para cumprir co obxectivo de déficit marcado. Unha valoración que activa o proceso sancionador, que pode levar a unha multa de 2.000 millóns de euros ao Estado español (o 0,2% do PIB), para alén da conxelación de fondos estruturais. Bruxelas pode reducir a sanción a cero, unha potestade que abre marxe de manobra para negociacións a todos os niveis, o que está intentando facer o executivo de Rajoy, procurando aliados para evitar que os organismos comunitarios apliquen unha cuantiosa sanción.

O Estado español fechou o 2015 cun déficit público do 5% do PIB, porcentaxe na que non se contabilizan as axudas ao sistema financeiro. O goberno español adquirira o compromiso con Bruxelas de reducilo ao 4,2%. En 2016 ten que rebaixalo até o 3%, en base a eses compromisos, mais esa obriga semella a todas luces que vai ser imposíbel de cumprir.

O 12 de xuño é a seguinte etapa: xuntanza de ministros de Finanzas da Unión Europea para valorar as sancións ao Estado español e Portugal. Se aceptan o dictame da Comisión, que a Moncloa incumpriu deliberdamente, porase en marcha un prazo de 20 días para propoñer unha sanción. Madrid e Lisboa terían 10 días para presentar as alegacións que entendan pertinentes.

Con este calendario, chegaríase ao vindeiro 27 de xullo, xuntanza do Colexio de Comisarios, en disposición de adoptar unha decisión definitiva: se multar ou non a estes dous estados.