Bruxelas advirte ao Estado español que debe evitar a "deterioración" do encoro que abastecerá a planta de Altri en Palas

Encoro de Portodemouros. (Foto: Europa Press)
Altri espera obter 250 millóns de euros de financiamento público a través do programa do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) de descarbonización industrial, ligado ao plan de recuperación e resiliencia do Estado español.

A Comisión Europea vén de advertir ás autoridades españolas que son "responsábeis" de garantir as condicións para evitar a deterioración do encoro de Portodemouros, situado na conca do río Ulla, que abastecerá a planta de fibras téxtiles que quere instalar a empresa portuguesa Altri no municipio de Palas de Rei (A Ulloa).

Ademais, as autoridades españolas deberán tomar medidas se se produce algunha desviación do previsto nos permisos, segundo indicou o comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, en resposta a unha pregunta parlamentaria da eurodeputada de Podemos Eugenia Rodríguez Palop, que advirte de que a empresa pretende instalar un sistema de captación de auga cun caudal de 46.000 metros cúbicos ao día.

Altri espera obter 250 millóns de euros de financiamento público a través do programa do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) de descarbonización industrial, ligado ao plan de recuperación e resiliencia do Estado español. A este respecto, o comisario lembrou que os criterios de selección deben garantir o principio de "non causar un prexuízo significativo" e da lexislación ambiental da UE, cuxo cumprimento será avaliado oficialmente pola Comisión no marco das próximas solicitudes de pago pertinentes.

Sinkevicius sinalou tamén que Bruxelas está ao tanto de que as autoridades competentes da Galiza iniciaron recentemente unha consulta pública sobre a avaliación de impacto ambiental do proxecto e a concesión do permiso para a extracción de auga do encoro de Portodemouros, que, segundo os informes das autoridades españolas sobre o segundo plan hidrolóxico de conca, "ten un potencial ecolóxico inferior ao bo" e que a Comisión está actualmente avaliando.

80 millóns para tratamento de augas e verteduras

A comezos do mes de xuño, o conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina, sinalou que o proxecto debe contar con "confianza xurídica", cunha tramitación ambiental aprobada e "a parte de financiamento concluído", por tanto, márcase como horizonte este ano para tomar unha decisión sobre o investimento.

Un dos aspectos que levantou máis polémica foi o consumo de auga que require a instalación, a compañía indica que será "referente mundial" e usaranse 15 metros cúbicos de auga por tonelada, segundo di, cando a media do sector é de 30 metros cúbicos por tonelada. Detalla que o caudal do río Ulla terá unha diminución no seu caudal inferior a 1% durante nove meses ao ano, entre 1% e 2% en xuño e xullo, así como de 2% en agosto e setembro.

Altri asegura que se van respectar os límites marcados medioambientalmente, que inclúe unha modificación de até tres graos na temperatura do río Ulla —cun límite de 27 graos—, segundo a normativa.

A auga devolverase ao río depurada, polo que "non vai modificar o seu medio natural" e a compañía descarta afectación na ría de Arousa. Estima un investimento de 80 millóns para o tratamento de augas e verteduras, que utilizará unha técnica de filtración por membranas. En caso de vertedura, están contempladas balsas de emerxencia e pararíase a planta. O proxecto provocou unha forte oposición veciñal, cunha manifestación que congregou unhas 20.000 persoas en Palas de Rei chegadas de toda Galiza.