Bruxelas descarta que se estabeleza un prezo mínimo para o leite

Os ministros de agricultura da UE reuniranse o 7 de setembro para analizar a situación de sectores como o lácteo. O sector leiteiro galego quer que o Estado garanta un prezo mínimo, seguindo o exemplo do francés.

A Comisión europea recoñece que existe o que denomina “volatilidade de prezos” no leite e mesmo afirma que é coñecedora “da difícil situación á que fan fronte os produtores de diferentes sectores en varios estados membros”. Malia iso, Brucelas descarta a idea de fixar un prezo mínimo para o leite, medida aprobada polo goberno francés e que desde o sector produtor galego se exixe ao estado español que adopte.

Nesta terza feira hai unha reunión no Ministerio de Agricultura entre representantes de todos os sectores da cadea do leite e do goberno español. Desde Galiza, o sector xa sinalou que agarda acordos concretos da reunión, como prezo mínimo e garantía de recollida. Cómpre lembrar que a finais de xullo,  por volta de 2.571 explotacións están a percibir a día de hoxe na Galiza prezos inferiores a 0,26 céntimos e arredor de 541, menos de 0,20€. Son prezos por baixo dos cutos de produción.