UE pasa a tesoira nas cotas de pescada, peixe sapo, xarda e rapante; e aumenta o tope do xurelo

A ministra de Pesca e Agricultura española, Isabel Tejerina, afirmou estar “moi satisfeita” de evitar que os recortes en augas do Atlántico fosen maiores.

Bruxelas fixou as cotas de capturas en augas do Atlántico para o 2016 e fíxoo após maratonianas xuntanzas de ministros dos estados integrantes da UE, e tras días de incertezas e temores polas propostas de tesoirada que se ían coñecendo. Embora ser a galega das frotas máis importantes de Europa e os acordos sobre os caladoiros e especies afectarlle diretamente como a poucas; Galiza non estivo na negociación, que corresponde ao Estado español e levou o Ministerio de Agricultura e Pesca. O mesmo departamento que acumula críticas e denuncias de diferentes sectores (do cerco, do xeito no seu momento) por entender que non defende acaídamente os intereses do mar galegos.

A UE aprobou tesoiradas que afectarán a varias especies ás que faenan barcos galegos, mais tamén deu unha boa nova, en principio, co aumento da cota de xurelo, un 27% máis que no presente 2015, o que supón que a frota do Estado poderá capturar no Cantábrico noroeste máis de 15.000 toneladas. O stock en augas lusas aumenta un 17%. Desde Acerga (armadores do cerco galego) parabenizáronse por esta nova, mais advertiron que o importante é o reparto que entre as frotas do Estado vai facer o Ministerio. Un reparto que nos últimos anos prexudicou duramente a Galiza, sostén Acerga, e que ten á maioría dos cerqueiros galegos en pé de guerra contra Xunta e Ministerio.

E o resto das especies?

No resto das especies as retalladas foron cumpridas, se ben menos das que se anunciaran nun primeiro momento. Na pescada do sur Bruxelas pasa a tesoira e recorta nun 22% a cota de captura para o Estado no Atlántico en 2016, 2.000 toneladas menos que no ano en curso. O tope para a zona do Atlántico norte, porén, aumenta nun 19%. Na xarda tamén hai tesoirada, dun 15%, así como no rapante (un 4% menos) e no peixe sapo, onde a retallada é dun 14%.