Bruxelas suspende as multas a Estado español e Portugal en troques de máis recortes

Dá dous anos máis a Madrid para reducir o déficet por baixo do 3% e un ano máis a Lisboa para rebaixalo ao 2,5% do seu PIB.

A Comisión Europea (CE) suspende a multa ao Estado español e Portugal por incumprimento continuado dos obxectivos de déficit. Unha decisión sorpresiva que é auga de maio para dous estados moi golpeados pola recesión e que aplicaron a fondo un roteiro de fortes recortes. No caso español a multa podía ser de até 2.000 millóns de euros. Unha cifra que foi albo de negociacións entre os integrantes da CE, que barallaban impoñer mil millóns ou mesmo 500 millóns de euros de multa. Mais, finalmente, a decisión foi cancelar, suspender a multa.

Mais este paso da Comisión Europea non é de balde. Bruxelas, en troques, impón uns obxectivos duros, que moitos consideran que implicarán novos e importantes recortes. A CE dás dous anos máis ao Estado español para que baixe o déficit do 3%, tal e como marca o Pacto de estabilidade e medre. E fixa os pasos a dar: Debe ser do 4,6% ao final de 2016 e do 3,1% en 2017 para caer até o 2,2% en 2018. O importe dos recortes que iso implica poderían superar os 10.000 millóns de euros.

A decisión adoptada non é allea ao contexto político europeo xerado polo 'Brexit'.  "A decisión de castigar non era a mellor nun momento en que a xente dubida de Europa", recoñeceu Pierre Moscovici, comisario de Asuntos Exteriores. Tampouco é allea a esta decisión de Bruxelas as promesas presentadas nestas semanas polo executivo español, ofrecendo novas pílulas de 'austeridade'. Entre ellas, a promesa de De Guindos de adiantar o imposto de sociedades.