Cada 17 horas unha empresa declárase en quebra en Galiza

Un total de 521 sociedades declaráronse en concurso de acredores no noso país en 2013. A construción, a industria e o comercio ao por maior, os sectores máis afectados, segundo os dados do INE.

O 2013 pechouse en Galiza deixando un saldo de 521 empresas (e 18 familias) que se declararon en quebra, segundo un informe do Instituto Nacional de Estadística (INE). Unha medida de unha sociedade entrando en concurso de acredores cada 17 horas. O noso país é o sétimo territorio do Estado español en debedores concursados, 539, dos cales 502 foron de carácter voluntario e 37 necesario.

Entre as 521 empresas galegas que quebraron en 2013 a maioría eran Sociedades de Responsabilidade Limitada (SRL), 435; mentres que 65 eran sociedades anónimas (SA). Por sectores, o da construción (174 sociedades en concurso de acredores) e industria (108) foron os máis afectados. Mais tamén se declararon en quebra empresas no comercio ao por maior (92), enerxía (4 sociedades), agricultura e pesca (4) ou hostalaría (12), entre outras.

Antigüidade

Por tramos de traballadores e traballadoras, 18 desas sociedades que entraron en concurso de acredores tiñan máis de 100. 17 posuían entre 50 e 99 asalariad@s e 79, entre 20 e 49. Entre 10 e 19 traballador@s hai 94 empresas que se declararon en quebra.

No que atinxe á antigüidade, 144 das sociedades quer son debedoras concursais en 2013 tiñan máis de 20 anos de existencia e 54 posuían entre 17 a 19 e 108 sociedades entre 5 e 8 anos. Non chegaban aos 4 anos desde a súa creación 45 empresas que quebraron.

En 2013, e xa a nivel do Estado español, houbo 9.660 debedores concursados. Deles, 726 eran persoas físicas sen actividade empresarial e 8.934 eran empresas.