A crise obrigou a tirar a toalla a 1 de cada 3 autónom@s galeg@s con empregad@s

Comercio pechado

Un estudo da Uatae cifra en 26.800 @s autónom@s con traballador@s asalariad@s desaparecid@s desde o exercicio 2008, o que supón a perda do 31% dos existentes daquela. Un impacto directo e moi prexudicial sobre a economía.

Galiza despediu o 2013 con 59.400 autónomos empregadores, é dicir, autónomos con traballadores asalariados ao seu cargo. Cinco anos antes, a finais de 2008, ese número superaba os 86.000 (en concreto, 86.200). Neste lustro perdéronse no noso país 26.800 autónomos con persoal asalariado, un 31% do total. Case un de cada tres.

Un informe de Uatae (Unión de Asociacións de Traballadores Autónomos e Emprendedores) incide na gravidade desta realidade. “Practicamente un de cada tres traballadores por conta propia con empregados asalariados desapareceron en Galiza”. No noso país, a perda deste activo é crucial, pois “a inmensa maioría do tecido produtivo e do emprego está composta por pequenas unidades de produción”.

Maior destrución que no Estado

Tamén na avaliación da destrución de traballo neste eido Galiza ten rexistros por riba da media do estado español. Nestes cinco anos, desapareceron no Estado o 24,85% deste tipo de autónomos (na Galiza foi o 31%), En 2008 había no Reino 1.165.300 autónomos con traballadores asalariados mentres que a finais de 2013 ese número caera até os 875.000.