Un de cada seis concellos non ten ningunha oficina bancaria

54 dos 313 municipios da Galiza non teñen ningunha sucursal bancaria operativa, o que acrecenta o "risco de exclusión" dos servizos financeiros da súa poboación.

Antiga oficina de BBVA na rúa do Vilar, en Santiago de Compostela, agora fechada (Foto: Arxina).
photo_camera Antiga oficina de BBVA na rúa do Vilar, en Santiago de Compostela, agora fechada. (Foto: Arxina).

O proceso de reconversión financeira comezado após a crise de 2008 semella non tocar fondo. A denominada Gran Recesión tivo o seu epicentro no sistema financeiro, cuxo rescate para sanear unha entidades quebradas provocou unha posterior crise da débeda pública, que derivou nunhas políticas de axuste e desvalorización interna aplicadas polas autoridades políticas estatais atendendo as orientacións marcadas por organismos como o Banco Central Europeo (BCE) ou o Fondo Monetario Internacional (FMI).

As consecuencias destas políticas están á vista no sector financeiro existente na Galiza, onde até 1.468 oficinas bancarias fecharon desde aquel ano, pasando de 2.481 sucursais a 1.013 en marzo de 2024, o que significou unha redución de 59,2%. Asemade, os datos ofrecidos polo Banco de España avanzan que o ritmo do feche de sucursais bancarias ficou nuns niveis moi altos nos últimos anos, desaparecendo un total de 551 entre decembro de 2017 e marzo de 2024, o que representa unha diminución de 35,3% nun período de suposta estabilidade do sector.

As consecuencias do fechamento de sucursais

Os datos do Banco de España desvelan que o groso dos feches están asociados aos grandes movementos de concentración financeira da primeira vaga de fusións, nun proceso especialmente lesivo para as áreas rurais ao que non escapan as zonas periféricas das cidades. Sen ir máis lonxe, en Lugo fecharon en dez anos 26,7% das oficinas, e en Ourense, 25,3%. Ao tempo, o horario de atención ao público diminuíu drasticamente nos últimos dous anos, limitando a práctica totalidade das entidades o horario de caixa desde as 8.30 até as 11 horas.

As derivadas deste proceso pódense seguir en diversas esferas. Unha delas está vinculada co emprego, até o punto de perder o sector bancario na Galiza 5.325 persoas ocupadas entre 2008 e 2023 (-41%). E entre 2018 e o pasado ano desapareceron 1.285 postos de traballo, no marco dunha precarización progresiva das condicións laborais do seu persoal. Nunha dirección positiva, con todo, cómpre destacar as cifras de emprego de 2023, que por primeira vez desde o comezo da Gran Recesión volveu gañar ocupados, fechando o exercicio con 7.675 persoas traballadoras, 68 máis que en 2022.

O feche de entidades de crédito provocou un proceso de exclusión financeira no país. Ao remate de 2023, última anualidade con cifras, 54 dos 313 concellos galegos carecían de oficina bancaria e outros 74 só contaban con unha. Neste sentido, o profesor da área de Fundamentos de Análise Económico da Universidade de Santiago de Compostela  Juan José Ares considera que “esta situación resulta especialmente preocupante dada a dispersión da poboación nestes pequenos núcleos rurais, co conseguinte risco de exclusión dos servizos financeiros proporcionados por estas entidades”.

Só seis entidades controlan 97,4% das oficinas bancarias operativas na Galiza, con Abanca (43,2% do total) e o Banco Santander (14,9%) á cabeza, seguidas de Caixabank (14,2%), BBVA (11,5%), Banco Sabadell (6,3%) e Caixa Rural Galega (5%).

Comentarios