Un de cada cinco empregos na banca privada en Galiza destruíronse coa crise

Un estudo de CIG-Banca denuncia que continúa a reestruturación do sistema financeiro en Galiza, tamén na banca privada (os bancos asociados á AEB), onde se destruíron nestes 5 anos máis de 1.400 empregos, o 20,73% do total

Non só as antigas caixas galegas, agora en NGB, en mans do Estado, están a sufrir unha enxurrada de perda de empregos e peche de oficinas. Esa 'reestruturación' tamén se está a dar na banca privada (a asociada a AEB:BBVA, por exemplo ) e dun xeito “durisimo” segundo denuncian desde a CIG.

A central nacionalista elaborou un estudo no que debulla o acontecido coa banca privada no noso páis nestes cinco anos, desde 2007 até o 2012. Así, houbo un “peche masivo de centros de traballo, que levou á destrución de 1.419 postos de traballo, unha caída do 20,73%. A banca privada gaña cota de mercado, pero restrinxe servizos e destrúe emprego”

Retroceso a niveis de hai coarenta anos

Na banca privada houbo un “peche masivo” de oficinas. Poñen o exemplo de Lugo e Ourense, onde o número actual de oficinas bancarias “retrotraese ao da década dos 70”.

Desde a CIG afirman que “non estamos ante un achegamento ao modelo europeo (menos oficinas pero dotadas con maior número de persoas), senón ante un proceso de reconversión”

Nesta liña, inciden explican desde a CIG-Banca. En que “continúa a imparable destrución de emprego que comezou nos oitenta, cando a banca privada chegou a empregar a 9.936 persoas en Galiza. Ao tempo a extensión ilegal da xornada laboral (recoñecida por un 80% do persoal) e a sobre carga de traballo son un exemplo do empeoramento das condicións laborais”.