Campaña da Fruga en defensa do sector lácteo galego

A Federación rural galega ten clara a responsabilidade da Xunta no baixo prezo do leite galego

A Pastoriza acolleu esta quinta o primeiro dos actos que a Federación rural galega (Fruga) vai desenvolver ao longo do país no marco da campaña en defensa do sector lácteo galego. Para a organización, a importancia e peso tanto no emprego como na riqueza que xera, deste sector no rural da Galiza obriga a actuar na súa defensa, "exixindo responsabilidades" da situación do mesmo.

A federación considera que no sector lácteo hai unha serie de variábeis de difícil control, tal e como pode ser o prezo dos cereais nas lonxas que marcan o prezo mundial debido ao estado das regras do mercado hoxe en día. Mais tamén sabemos que hai outras accións que se poden tomar para equilibrar os beneficios do conxunto do sector lácteo que xa foron postas en marcha e que sabemos que son efectivas, xa que contribúen a aumentar o prezo do leite en orixe.

Nesta liña, lembran que na consellaría do Medio Rural do anterior goberno adoptáronse medidas como a creación da Mesa do leite, o Observatorio lácteo galego, a implantación do mercado homologado ou a posta en marcha do banco de terras da Galiza (Bantegal). O desmantelamento por parte do actual goberno do PP deses instrumentos implicou que en Galiza o prezo do leite sexa o máis barato do estado, cando na anterior lexislatura ese prezo superaba os do seu contorno.