Caramelo pide concurso voluntario de acredores
A firma, propiedade dunha empresa de Manuel Jove e con participación da Xunta, deu o paso perante a situación de extrema dificultade na que se dí atopar. No último exercicio, as perdas operativas foron de 15 millóns de euros. Anuncia un ERE, que podería afectar a por volta de 400 empregad@s
A lista de empresas galegas que até non hai tanto semellaban sinónimo de éxito seguro e que están a entrar en concurso de acredores segue a aumentar. Agora é Caramelo, toda unha referencia na moda do Estado español e internacional.
Representantes da empresa comunicaron na mañá desta segunda feira a decisión ao cadro de persoal, para posteriormente pedir o concurso no xulgado da Coruña. Argumentan que non había máis opción ante a difícil situación que atravesan. Un exemplo é que as perdas operativas de Caramelo no último exercicio foron de 15 millóns de euros. Ligado con este paso vai o ERE, que afectará a por volta de 400 traballadores.
Nos últimos anos, Caramelo tenr ecibido substanciosas axudas e subvencións da Xunta de Galiza. Só no primeiro mandato de Feijóo, a cuantía das mesmas foi de por volta de cinco millóns de euros. Mais en anos anteriores recibira créditos por valor de 11 millóns de euros.
Abrir portas a un socio
Caramelo está controlada polo grupo Inveravante (de Manuel Jove) e mesmo a Xunta ten unha participación interposta do 7% a través de Sodiga. Caramelo procuraría a entrada dun socio privado e proceder a redimensionar o proxecto. O que non se contempla é a liquidación.
Iso si, a dirección xa anunciou que se vai realizar un expediente de regulación de emprego (ERE). Por volta de 400 traballadores e traballadoras poden estar afectadas por esta medida.