Carteir@s de Vigo en loita polo emprego e contra a privatización

A decisión da empresa de eliminar postos de traballo, co seu impacto na calidade dos servizo, está a ser respondida desde hai un mes pol@s operari@s con paros e unha folga

A decisión de Correos de eliminar 13 postos de traballo (dun cadro de persoal de 55) na unidade de reparto 1 de Vigo obtivo unha rápida resposta dos traballadores, que levan un mes de paros e folgas contra unha medida que entende non só inxustificábel, senón tamén irracional. Para os sindicatos, esta decisión de eliminar empregos debe ser analizada como un paso cara a privatización dos servizo.

Alén disto, a dirección da empresa abreu 14 expedientes disciplinarios a traballadores e traballadoras durante a folga (que desde o pasado 22 de xuño é a xornada completa. Desde o 4 dese mes até entón era de 4 horas), nunha decisión que os propios e propias operarias entenden como decidida para rachar coa unidade do cadro de persoal e presionar para que bandonen as protestas. "Xa poden abrir todos os expedientes que quieran ou poñer as sancións que consideren, que non imos recuar até que den marcha atrás na decisión de eliminar 14 postos de traballo", indican desde o comité de empresa.

Negociar 

Neste tempo de conflicto ficaron sen repartir máis dun millón de obxectos. Os sindicatos están dispostos a negociar, e mesmo asumir a perda de catro empregos "mais non de 13 como quere a dirección, xa que iso suporía duplicar a carga de traballo, o que é imposíbel, e levaría a incumprir a Lei Postal". Esta actitude choca coa que está a manter a dirección de Correos nas xuntanzas, xa que a única posibilidade que pon enriba da mesa pasa pola eliminación destes 13 postos “cando non existe unha baixada da actividade que xustifique a medida”.

Conduta antisindical

Por outra banda, cómpre lembrar que O Xulgado do Contencioso Administrativo da Coruña vén de confirmar a sanción de 6.250 € imposta pola Inspección de Traballo contra Correos por transgredir os dereitos de información, audiencia e consulta da CIG e por persistir na conduta infractora. A sentenza favorábel do Tribunal Supremo, tras recurso da central sindical, bota abaixo outra sentenza contraria do TSXG e recoñécelle á CIG-Correos da provincia da Coruña o dereito a ter Sección Sindical, a ter Delegado Sindical, así como a todos os dereitos de información que levan implícitos estes órganos.