Case 40% das mulleres asalariadas galegas gañan por baixo do salario mínimo

cig mulleres

Perto de 22% das mulleres teñen un traballo a xornada parcial, porcentaxe que cuadriplica a dos homes.

A muller é a principal afectada polo empobrecemento e precarización do mercado laboral galego. Eis unha das chaves que se extraen do estudo ‘Situación sociolaboral das mulleres en Galiza 2018’ que presentou a CIG esta terza feira en Compostela. “A situación das mulleres no mercado laboral é infinitamente máis precaria que a dos homes”, denuncia a central nacionalista.

 

A fenda salarial sitúase en 21,5%. Houbo unha diminución coa crise (en 2009 era de 23,07%), mais esta redución procede, en maior medida, pola perda de emprego masculino fronte ao feminino.  Neste mesmo período, os prezos -medidos a través do IPC- medraron EN 12,7%. Así, a perda da poder adquisitivo da clase traballadora galega é evidente, tanto no caso dos homes como no das mulleres. O informe, ademais, apunta un dado clarificador: a partir dun determinado nivel de ingresos, as mulleres practicamente desaparecen do mercado de traballo, e a presenza dos homes é cada vez maior. Canto máis ingresos, menos mulleres.

 

37% das mulleres asalariadas galegas acadaron ingresos inferiores a salario mínimo (SMI). Ademais,  20,5% non chega á metade do soldo mínimo. O grupo de asalariadas onde máis medrou a ocupación foi o das de menores ingresos, entre as que percibiron menos da metade do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). Concretamente neste grupo houbo un incremento deo 14%, e os seus ingresos só aumentaron un 7%.

 

A secretaria de Mulleres da CIG, Margarida Corral, deu conta da campaña de mobilizacións que o sindicato ten previstas cara ao 8 de marzo. Corral denunciou que "ao poder non lle interesa a existencia de mulleres organizadas nin mulleres que manteñan unha actitude combativa ". explicou que a central nacionalista entende que "é preciso dar un paso máis" respecto ao 8M do ano pasado e por iso impulsan unha greve de 24 horas de mulleres para esta data. Convocan 27 mobilizacións por toda Galiza.