Case seis de cada dez galeg@s pasa dificultades económicas todos os meses

Pobreza cero obxectivo do milenio

Unha estadística oficial do IGE confirma o crecemento dos fogares que chegan con moitos problemas a fin de mes e tamén a baixada do indicador de confianza do consumo.

O 58,18% dos fogares galegos chega con dificultade ou moita dificultade ao fin de mes, namentres que o 41,82 asegura alcanzalo con facilidade ou moita facilidade. Así se recolle na 'Enquisa conxuntural a fogares' que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE), na que se apunta que, respecto ao anterior trimestre, creceu un 4,65% os que chegan con moita dificultade a final do mes.

O 58,18 dos fogares pásano mal todos os meses e o indicador de evolución económica tamén baixa

Con respecto ao terceiro trimestre do ano 2013, a porcentaxe de fogares que chega con moita dificultade o fin de mes sobe 2,77 puntos, mentres a de fogares que chega con dificultade diminúe un 0,14% e a dos que chegan con facilidade ou moita facilidade baixa 2,62 puntos. No terceiro trimestre de 2014, o indicador de confianza do consumidor (ICCI) reflicte un valor de -17,16 puntos, 1,26 puntos por debaixo ao trimestre anterior.

Neste trimestre aumentan os seguintes indicadores parciais de perspectivas de evolución: o referido á situación económica en Galiza (0,65 puntos) e o de perspectivas de evolución do desemprego (2,09 puntos). Pola contra, o de situación financeira persoal diminúe 4,07 puntos e o de capacidade futura de aforro 3,71 puntos. Segundo o IGE, o indicador de confianza varía en función do intervalo de ingresos do fogar. Os fogares con menores ingresos medios mensuais son os que presentan valores máis baixos no ICC, mentres que a confianza aumenta ao incrementarse os ingresos do fogar