Catro de cada dez contratos laborais asinados en maio foi por menos dunha semana

A temporalidade segue a alargarse no mercado laboral galego. O mes pasado subscribíronse 76.955 contratos: 28.266 por menos dunha semana e 6.754 de entre unha semana e un mes.

Case catro de cada dez contratos laborais que se asinaron en Galiza en maio foron por menos dunha semana. Unha temporalidade que vai asentándose no mercado laboral galego e que non presenta visos de desaparecer coa 'recuperación' que se pregoa desde os gobernos galego e español. O mes pasado subscribíronse 76.955 contratos de traballo, dos que máis de 73.000 eran temporais. Mais esa temporalidade tradúcese cada vez máis en duracións máis curtas e minguantes. Así, 28.266 deses contratos foron por menos dunha semana, o que representa o 37% do total. Se lle sumamos os 6.754 de entre 1 semana e un mes temos que o 46% dos contratos de traballo que houbo en Galiza en maio non chegaron a 30 días de duración.

Os dados veñen reforzar a situación de Galiza como un dos territorios con máis taxa de temporalidade da UE. É dicir, que conta cunha maior porcentaxe de asalariados con contrato temporal sobre o total de asalariados. Mentres a media europea era en 2014 do 14% (de cada 100 traballadores, 14 en contrato de caráter temporal), en Galiza era do 23,5%, dez puntos máis. Unha porcentaxe, ademais, que non para de medrar. No informe do IV trimestre da EPA de 2015, esa taxa en Galiza sitúase xa nun 25,5%, dous puntos máis que en 2014. A temporalidade en Galiza supera a de países golpeados fortemente pola crise, como Portugal (21,5%) ou Grecia (11,7%).