Análise

Unha celulosa que masacra un espazo xeolóxico singular

A peridotita, composta por olivino e piroxeno, é a rocha máis importante do manto superior terrestre. Imaxe tomada no afloramento ultrabásico de Melide. (Foto A. Presas).
Antonio Presas é xeógrafo e escritor.

Quixera comezar cunha anécdota. Cando estudaba maxisterio na Escola de Formación do Profesorado de Lugo (ano 1972), un excelente profesor de Ciencias Naturais, ao explicarnos a 'Estrutura da Terra', logo de detallar o que se sabía daquela das características da codia, manto e núcleo, díxonos (máis ou menos) o seguinte: "Para simplificar e para que recordedes mellor isto, pensade que os materiais que hai na codia son, basicamente, sílice e aluminio (Sial), os do manto sílice e magnesio (Sima) e os do núcleo níquel e ferro (Nife). Polo tanto, se temos en conta os símbolos químicos de cada un deses elementos, podemos dicir que as capas da Terra son: Sial, Sima e Nife (codia, manto e núcleo) e que o Sial flota sobre o Sima". Así que nunca me esquecín de iso.

O pregamento hercínico

A xeofísica indícanos que entre a codia (que pode ser continental ou oceánica) e o manto interponse unha especie de barreira sismolóxica coñecida como "descontinuidade de Mohorovicic" ou simplemente Moho. Por encima do Moho, na codia terrestre, atópanse as rochas máis lixeiras, ben sexan eruptivas, sedimentarias ou metamórficas, pero o que non é tan normal é atopar rochas de orixe máis profunda, as que están por debaixo da descontinuidade de Mohorovicic, emprazadas por riba das rochas da codia. Esas rochas pertencen ao manto terrestre. Son rochas mantélicas, de orixe e composición química diferentes ás que, asombrosamente, se atopan por debaixo delas (as da codia).

O proxecto de Altri métese de cheo nun enclave que debería estar recoñecido como Lugar de Interese Xeolóxico

Ante esta sorprendente realidade cabe especular como é posible que rochas mantélicas, formadas a grandes profundidades, entre os 6 e os 12 quilómetros por debaixo da codia oceánica ou entre os 25 e os 70 quilómetros por debaixo da codia continental, se poidan localizar por encima das rochas da codia, como se fosen taboleiros dun naufraxio que flotan sobre un grande océano. Pois ben, a orixe de todo este sorprendente fenómeno pertence a un rexistro oroxénico, o pregamento hercínico ou varisco, que tivo lugar a comezos da Era Primaria, cando se formou o gran continente de Panxea. 

Daquela chocaron varios continentes, ao norte Laurentia e ao sur Gondwana (Sudamérica, África, Antártida, Australia, India) que comprimiron e elevaron os microcontinentes de Avalonia e Armórica, incorporándoos á gran cordilleira hercínica. Foi aquí cando se formaron e constituíron varios dos complexos polimetamóficos que se integran no solar ibérico noroccidental: complexo de Ordes, complexo de Cabo Ortegal, banda Malpica Tui, complexo de Bragança e complexo de Morais.

Unha macroindustria 'okupa'

No gran complexo de Ordes atopamos varias unidades xeolóxicas e unha das máis representativas é a 'Unidade da Serra do Careón', formada, case exclusivamente, por rochas ultramáficas, anfibolitas e distintos tipos de gabros, metagabros e perodotitas, cunha estrutura interna imbricada, formada por varias láminas separadas entre si por zonas de cizalla, máis ou menos paralelas á superficie do paleo-Moho. As rochas ultramáficas, con abundantes diques diabásicos, están moi serpentinizadas e aparecen restos de olivino, ortopiroxeno e clinopiroxeno.

A zona na que a compañía lusa Altri pretenden instalar a gran macrocelulosa, entre o río Ulla e A Vacariza, en Palas de Rei (comarca da Ulloa), ocupando unha vasta superficie de 366 hectáreas, métese de cheo nun enclave xeolóxico tan singular ('Unidade da Serra do Careón') que debería estar recoñecido LIX (Lugar de Interese Xeolóxico), como sucede co GM035 (pregues tumbados no complexo Ultrabásico de Melide, na intersección da autovía coa estrada Melide-Agolada) e co GM034 (ofiolita de Careón, ao oeste de Dorra, no monte do Penedo).

En realidade, o proxecto Altri escapa de todo isto de forma olímpica e iso significa ou ben un descoñecemento da situación ou ben un desprezo á mesma, de tal forma que non contempla ningunha medida de protección dun enclave xeolóxico tan singular, senón arremeter contra tal medio con total impunidade: desmantelamento total do ecosistema creado durante miles de anos, é dicir, o resultado da interacción de clima, litoloxía, solos, augas, fauna, flora...