O CEO de Stellantis, en desacordo cos aranceis á competencia chinesa

Carlos Tavares, CEO de Stellantis. (Foto: Stellantis).
Carlos Tavares, conselleiro delegado de Stellantis, "China está a converterse nunha parte importante do noso negocio" polo que entende que a estratexia europea pasa por ser "ofensivos e non defensivos".

O conselleiro delegado (CEO) de Stellantis, Carlos Tavares, mostrouse en desacordo coa imposición de aranceis contra as importacións de vehículos eléctricos procedentes de China, como propuxo a Comisión Europea e aprobaron en Estados Unidos de América e Turquía.

O responsábel da multinacional asegurou esta quinta feira no Investors Day do fabricante que "China está a converterse nunha parte importante do noso negocio" polo que entende que a estratexia europea pasa por ser "ofensivos e non defensivos" para conseguir neste momento "surfear a onda da competencia chinesa". 

Tamén esta quinta, Stellantis deu a coñecer que mantén as súas previsións financeiras para 2024 e asegura que abonará este ano aos accionistas polo menos 7.700 millóns de euros a través de dividendos e recompras. Ademais, o grupo confirmou as súas previsións para o ano en curso, incluído unha marxe de ingresos operativos axustado até 11% durante o primeiro semestre e os "fluxos de caixa libres industriais visiblemente por baixo dos números do ano pasado". 

Con todo, a fábrica viguesa do grupo automobilístico volve ter problemas de aprovisionamento e tivo que parar a súa produción durante a quenda de noite desta quinta feira e na de mañá de por falta de pezas. 

Sentenza por "vulnerar a liberdade sindical"
No eido sindical, o Tribunal Supremo rexeitou o recurso de casación de Stellantis Vigo e declarou firme a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galixa (TSXG) que condenaba á compañía a indemnizar con 30.000 euros á CUT por vulnerar a "liberdade sindical".

O fallo, agora firme, deixa nulo o modelo de acordo individual de teletraballo, así como a súa  aplicación por implicar "vulneración da liberdade sindical".