O CES alerta que a mellora económica non impide o aumento da desigualdade

Presentación da Memoria 2015 do CES

O Consello Económico e Social detecta un incremento de niveis de pobreza na sociedade galega. E denuncia que Galiza sexa líder en redución de gasto sanitario.

O Consello Económico e Social detecta un aumento dos niveis de pobreza e desigualdade social na Galiza, factores que se incrementan pola redución das rendas, avellentamento da poboación e pensións moi baixas, desemprego... Unha de cada catro persoas están en risco de exclusión social ou pobreza recolle o CES na súa Memoria 2015 que vén de presentar en Compostela. É unha das cuestión que ve máis preocupantes, canda a emigración e o avellentamento poboacional do noso país. A presidenta do CES, Corina Porro, porén, considera que se ben “non caben euforias” tampouco hai que deixarse ir nos brazos do “pesimismo” pois o 2015 foi de mellora a respeito de 2014.

“Hai que traballar para frear este desastre demográfico”

Natividad López (CIG); presidenta de quenda da comisión que redactou o informe, lembrou que se ben hai “dato positivos” estes non poden analizarse nin intrepretarse sen ter en conta os “temas preocupantes”. Así, mentres o PIB galego aumentou un 2,1%, a remuneración das persoas asalariadas continúa a perder peso. Hai un saldo migratorio negativo, un avellentamento da poboación e o noso país, máis un ano, perde habitantes. “Hai que traballar para frear este desastre demográfico”.

Ademais, e xa no que atinxe ao emprego, o informe recoñece que en 2015 Galiza ganou 19.000 empregos netos mais que para iso foi preciso 887.000 contratos, o que indica unha preocupante taxa de temporalidade. Para alén de que, entre os grupos de idade de 16 a 35 anos, hai unha baixada da poboación activa. Máis malas noticias.

Galiza colócase no primeiro posto do conxunto de comunidades autónomas en canto a intensidade na redución do gasto sanitario

O CES alerta de que o emprego que se está a crear é temporal e de mala calidade. O exemplo? Que o 30% dos contratos asinados non superou a semana de duración. O Consello amosa a súa preocupación tamén polo feito de que o 43% das persoas desempregadas sexan de longa duración (máis dun ano) e pola redución da súa cobertura.

O aumento das listas de espera na sanidade pública tamén é tratado no informe, que recolle que “un ano máis, Galiza colócase no primeiro posto do conxunto de comunidades autónomas en canto a intensidade na redución do gasto sanitario, en termos de orzamento inicial”. As dicultades do sector primario, nomeadamente do leiteiro, tamén é recollida nesta memoria.