Chega a Redondela a festa do choco con degustacións do prezado cefalópodo

Caixas de choco na lonxa de Redondela (Foto: Nós Diario).
A promoción nesta edicón do evento terá un 'Showcooking' do alumnado de hostalaría. 

Esta sexta feira comezou a XXXVII Festa do Choco, unha celebración que continuará até o domingo para enaltecer este cefalópodo, símbolo do municipio. O evento, contará, ademais da proposta gastronómica, con numerosas actividades lúdicas. A exaltación deste animal chega, un ano máis, cos datos cada vez menores de capturas e, como consecuencia, cuns prezos que seguen en aumento. 

Segundo os datos recollidos pola Xunta da Galiza, a través da súa plataforma tecnolóxica de pesca, no que vai de ano capturáronse no país un total de 28.926.558 kg de choco que representaron 116.340.692 euros que tiveron na lonxa un prezo medio de 4,02 euros/kg.

No mesmo período do ano pasado os datos indicaban unhas capturas de 36.166.020 kg. por valor de 128.878.679 kg e un prezo medio de 3,56 euros/kg. En relación ao prezo, este ano este cefalópodo chegou a alcanzar un máximo na lonxa do  municipio de Redondela de 102,60 euros/kg.        

Showcooking e música

A festa do choco en Redondela ten, entre os seus puntos fortes, a degustación. Este ano a actividade contará coa participación do alumnado do Obradoiro de Hostalaría Redondela TIC III, que serán os encargados dun Showcooking mañá, onde amosarán en directo a elaboración de varios pratos. 

Como complemento á exaltación gastronómica do choco de Redondela, a festa programou  unha ampla programación de actividades paralelas. Entre elas, as máis agardadas son as musicais.

A música tradicional estará presente coas actuacións de grupos como Airiños de San Simón, Tanto vos Ten e O Carballo das Cen Pólas. A aposta musical, ademais das verbenas, contará con grupos como o grupo italiano U2 Zen Garden e outras propostas locais, como a Orquestra de Saxos, a Banda de Música de Chapela ou a Rondalla de Redondela.