A CIG mobilízase contra o "esmorecemento" de Ourense

A manifestación percorreu onte as rúas da cidade das Burgas até rematar ante o Concello (Foto: Nós Diario).
A cidade das Burgas viviu esta cuarta feira unha xornada reivindicativa coa manifestación convocada pola CIG para denunciar a “dramática” situación a nivel social, económico e laboral que atravesa un Ourense “que esmorece”. A marcha comezou ás 20 horas desde o edificio da Xunta da Galiza e, tras pasar pola Subdelegación do Goberno español, rematou diante do Concello.

A CIG de Ourense comezou esta cuarta feira cunha manifestación polas rúas da cidade unha campaña de sensibilización e denuncia en relación ao que consideran “dramática” situación socioeconómica e laboral que atravesa “unha provincia que esmorece”. En declaracións a Nós Diario, o secretario comarcal, Anxo Pérez Carballo, explica que, “malia seren datas complicadas”, non lles quedou outra que “dar un golpe na mesa” ante as circunstancias que vive un territorio "en perigo de desaparición". E para explicar este panorama sinala algúns dos datos do Informe sobre a situación socioeconómica e laboral, con datos relativos a Ourense, elaborado recentemente polo gabinete técnico da central sindical. 

En primeiro lugar, o estudo evidencia o que para Pérez Carballo é unha “gran desfeita demográfica”. Neste sentido, apunta que na última década se perdeu 8% da poboación, “malia ás persoas que volveron da emigración durante estes anos”, polo que en vez de contar cunha pirámide clásica de poboación “temos unha buxaina”. Pon como exemplo o seu propio caso, fillo e pai de emigrantes ao mesmo tempo.  

Máis pensionistas e pouco tecido produtivo

Outra cuestión que para a central nacionalista é “alarmante” é o número de pensionistas e persoas asalariadas. Segundo datos de 2023, tomando o informe como referencia a demarcación provincial, habñia 108.000 pensionistas e  80.000 persoas asalariadas. “Ademais, aquí temos as prestacións máis baixas de todo o Estado español, e a maioría da poboación que goza dunha pensión digna é porque traballou fóra, sen esquecer que as mulleres, neste caso, cobran sobre 30% menos que os homes”, lembra Anxo Pérez Carballo. 

Outra problemática que refire o responsábel da CIG ten que ver coa situación laboral e a debilidade do tecido produtivo. “Oito de cada dez empresas teñen un máximo de dúas persoas asalariadas traballando, e só unha ducia superan as 250 no seu cadro de persoal”, asegura. Neste ámbito, critica a última reforma laboral, que provoca “máis contratos indefinidos, pero 60% deles de maneira precaria”.

 O responsábel da CIG en Ourense relaciona este feito cunha "desfeita industrial". Pon como exemplos empresas "punteiras" como Egatel, Hispamoldes, Hispaplastic que agora "están en perigo de desaparición, igual que pasa coa automoción".

Ante esta "paisaxe socioeconómica", a CIG demanda ás Administracións públicas que poñan "Ourense na axenda política, algo que nunca se fixo". Considera que a manifestación que decorreu polas rúas da cidade é un primeiro paso para exercer presión "e que Ourense pase a ser unha cuestión estratéxica". O obxectivo para a central nacionalista, en definitiva, "é que se reformule a economía de todo este territorio".