A CIG presenta a ILP polo emprego como unha ferramenta para se visualizar que hai alternativa

A central nacionalista fixo esta sexta en Vigo un acto público para presentar a súa iniciativa na que recollen cen medidas para combater o paro.

No marco da campaña axitativa que está a desenvolver a CIG para promover a súa ILP polo emprego, onte tiña lugar en Vigo un acto público para explicar socialmente a iniciativa. O mesmo contou coa participación do Secretario Xeral da central nacionalista Xesús Seixo.

A CIG acadou xa 20.000 sinaturas para a ILP polo emprego

Seixo explicou por máis de trinta minutos, diante dun auditorio ateigado, os propósitos da ILP e debullou as principais das cen medidas que a vertebran. Na súa explicación afirmou que o desemprego no noso país "ten a ver co actual modelo produtivo, e máis tamén co carácter colonial e a carencia de soberanía". A difícil situación económica e social que atravesa Galiza resumiuna facendo referencia á “maior precariedade, emigración e empobrecemento” que padece a clase traballadora. Situación que na súa opinión está moi relacionada co “profundo deterioro dos nosos sectores produtivos” que ameazan con facer desaparecer o que cualificou como “base material” do país.

Hai un "profundo deterioro" dos sistemas produtivos galegos que ameaza mesmo con facer desaparecer a "base material" do país

A respecto das políticas que está a desenvolver o Goberno galego, Seixo amosouse moi crítico denunciando que “o PP e a Xunta límitanse a tentar enganarnos e a executar políticas da Unión Europea que só benefician ao grande capital foráneo”. É por iso que o máximo dirixente da CIG visou a ILP como “un instrumento que permita dar o debate social para visibilizar que existen alternativas a estas políticas tan negativas para o noso pobo”. Unha mudanza que segundo explicou tería que resolver a disxuntiva de “perpetuar o capitalismo neoliberal, como quer o PP, ou apostarmos por un cambio de modelo a favor da maioría social”, sinalando que a última opción exixe non só de mobilización social senón dunha outra correlación de forzas tamén no ámbito institucional, cunha maior presenza da esquerda nacionalista.

Cen medidas para un cambio de rumo

Seixo centrou a súa intervención en debullar os principais eixos nos que se artellan as cen medidas integradas na ILP. Así referenciou a necesidade dunha tarifa eléctrica galega, o apoio ao sector primario ou a aposta decidida por unha maior intervención pública na economía, mesmo a través de empresas públicas nos sectores estratéxicos, como factores chave para promover o desenvolvemento de Galiza. No tocante ás condicións salariais a ILP pulará pola derrogación das últimas reformas laborais, para alén de recoller históricas reivindicacións do movemento sindical como a redución da xornada semanal a 35h, o aumento dos salarios e a implementación dun salario de inserción laboral para todas as persoas desempregadas.

A iniciativa da CIG tamén inclúe medidas referidas á reforma fiscal, na que apostan por aumentar os impostos a quen máis ten, “sobre todo ás rendas do capital que hoxe tributan menos que os e as asalariadas” e o combate da fraude fiscal. Lembrando a aposta da central nacionalista por manter NovaCaixaGalicia como entidade pública, sobre todo logo da inxección de 9 mil millóns de euros públicos no seu “rescate”, Seixo criticou con dureza a súa privatización e venda a Banesco asegurando que supuxo a “malvenda ao capital privado dunha entidade apuntalada con cartos públicos para que especule con ela”. Por derradeiro substanciou o necesario reforzo dos servizos públicos como un elemento que para alén de poder xerar postos de traballo asegure unha maior xustiza social.

Sen brotes verdes en Vigo

O secretario comarcal da CIG de Vigo foi o encarregado de apresentar o acto. Serafín Otero expuxo a moi difícil situación da bisbarra, onde o desemprego atinxe por volta de 80 mil persoas, e na que se padece unha crecente queda produtiva en sectores estratéxicos e nomeadamente na industria. "Con certeza en Vigo non se ven brotes verdes por ningures" aseverou Otero, retrucando o discurso do Goberno español que fala de recuperación a pesar de non se verificar na economía real.

O responsábel da CIG en Vigo aproveitou o acto para reiterar un chamamento á participación masiva na manifestación que mañá, domingo, terá lugar na cidade olívica a partir das 11:30h (desde a Praza dos Cabalos) para exixir o indulto para dous traballadores do transporte condenados a 3 anos de prisión por participaren nun piquete na folga dese sector en 2008.

Foto:  CC BY-NC-SA CIG-Avantar
Vídeo: CC BY-NC-ND AvantarVideos