En Colectivo volve pedir o rescate da AP-9 e apunta que ao Goberno español "non lle queda argumentación" ante a UE

Cabinas de peaxe na AP-9. (Foto: Audasa)
Este sábado finaliza o prazo (xa prorrogado) que a UE deu ao Goberno do Estado español para expoñer os seus argumentos ante a segunda carta de emprazamento remitida no marco deste expediente.

A asociación de consumidores En Colectivo, que interpuxo denuncia ante as autoridades da Unión Europea (UE) polo incumprimento da normativa comunitaria na prórroga da concesión da autoestrada AP-9, insistiu en que o Goberno do Estado español "non debe opoñerse" á carta de emprazamento da Comisión Europea -no marco dun procedemento por esa prórroga irregular- porque "non lle queda argumentación" para facelo, senón asumir o rescate da autoestrada.

Este sábado finaliza o prazo (xa prorrogado) que a UE deu ao Goberno do Estado español para expoñer os seus argumentos ante a segunda carta de emprazamento remitida no marco deste expediente, sen que transcendesen polo momento as xustificacións do Executivo estatal.

En todo caso, o ministro de Transportes, Óscar Puente, si expresou en diversas ocasións que o Goberno español non ve viábel o rescate da autoestrada. A última vez, en xuño pasado, expresou que este rescate tería un custo duns 4.000 millóns de euros, aos que habería que sumar entre 1.260 e 2.600 millóns do custo da transferencia á Galiza, e fechou a porta a tal medida.

En-Colectivo advertiu de que, tras un primeiro intento do Goberno español de acollerse a unha excepcionalidade para validar a prórroga da concesión (aprobada polo Executivo popular de José María Aznar no ano 2000) "xa non queda máis argumentación".

Segundo apuntou o presidente de En Colectivo, Diego Maraña, "a Comisión xa deixou claro que houbo un incumprimento da lei, e que a intención clara da prórroga da concesión era revalorizar a autoestrada para a súa venda".

Neste sentido, cómpre lembrar que a denuncia foi interposta pola organización de consumidores porque non se cumpriu a normativa europea en materia de licitación, xa que a prórroga, de 25 anos, aprobouse sen convocarse un concurso público.

Por outra parte, En Colectivo insistiu en que recuperar para o público a AP-9 é moito menos gravoso que manter a autoestrada con peaxes até 2048, e lembrou que "en 56 anos, só se amortizou o 40% da autoestrada" porque a recadación se destinou maioritariamente a beneficios. Por iso, non comparte as estimacións do Goberno español sobre o custo real do rescate, que "sería moito menor".

Así as cousas, e ás portas de que expire o prazo dado pola Comisión Europea, volveu pedir ao Goberno español que non se opoña á carta de emprazamento e anule a concesión, abonando a indemnización "que determine un xuíz" á empresa. Finalmente, lamentou outra vez que o Executivo estatal non cumprise o compromiso adquirido no acordo de investidura co BNG, "deixando aos galegos de últimos".