A Comisión Europea recoñece a importancia das achegas da delegación do ‘xeito’

O comisario de Pesca, Karmenu Vella, destaca a oportunidade de coñecer por boca dos propios afectados os posíbeis efectos da prohibición da arte. O BNG lembra que tivo que ser o propio sector  o que defendera os seus intereses ante o ‘desleixo’ da Xunta.

 

O pasado mes de decembro unha delegación de xeiteiros viaxou até Bruxelas da man do BNG cun obxectivo claro: informar da realidade desta arte de pesca artesanal e evitar que a UE a prohibise, tal e como proxectaba. Agora, e nunha resposta a unha pregunta do BNG, o comisario de pesca Karmenu Vella recoñece textualmente que “esa reunión brindou a oportunidade de avaliar os efectos que podería ter a prohibición nos operadores afectados, así como analizar a información adicional sobre a utilización das redes de deriva en Galiza”. E asegura que a Comisión “ten intención de continuar eses contactos co fin de facilitar debates a nivel de Consello e de Parlamento Europeo”.

Para a portavoz do BNG en Bruxelas e secretaria de Internacional, Ana Miranda, a resposta do Executivo da UE pon de manifesto “que esa delegación abriu a porta para que a Comisión estea disposta a corrixir a inclusión do xeito nesa prohibición xenérica das redes de deriva”. E, ademais, indica a nacionalista, “confirma que antes desa visita da delegación galega do xeito organizada polo BNG, a Comisión carecía da información necesaria porque desde o Estado español nin o Ministerio de Pesca, nin a Xunta lla facilitaron. Tuvo que ser o propio sector quen o fixera, e o Bloque estivo aí para que pudesen ter a interlocución necesaria en Bruxelas”.

Ana Miranda, e os deputados nacionalistas Daniel Rodas e Rosana Pérez, están a manter contactos cos representantes do xeito nas principais confrarias afectadas co obxectivo de facer un seguimento “moi de cerca” nesta recta final do debate da normativa que propón a Comisión.