O Comité de Ferroatlántica lamenta a “ambigüidade” de Feijóo

Un momento do encontro informal. Imaxe: CIG

Logrou manter un encontro informal co presidente da Xunta cando este abandonaba o Parlamento. 

O Comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas tivo finalmente xuntanza co presidente mais un encontro que quizás o mandatario non agardaba. Cando o presidente abandonaba o Parlamento alí o agardaban os traballadores, non logrando eludilos, o que deu lugar a un encontro “forzado e de carácter intormal”, en palabras da CIG.

Feijoo confirmoulles que a administración galega non recibiu aínda ningunha proposta da empresa, e que, de habela a Xunta valorará a mesma en base a tres criterios: legalidade, interese público e emprego.

Unhas declaracións que o Comité, que estivo acompañado nesa xuntanza pola portavoz do BNG, Ana Pontón, cualifica “de ambiguas e insuficientes, xa que só axudan a xerar máis dúbidas sobre o posicionamento do Goberno galego ás pretensións de Ferroatlántica e ao futuro das centrais e as fábricas da Costa da Morte”. Feijóo comprometeuse a axilizar a reunión que o Comité ten solicitada co Conselleiro de Industria.

Dende a representación do persoal trasladaron tamén a preocupación pola iniciativa aprobada hoxe en Pleno do Parlamento que deixa a porta aberta traballar con Ferroglobe "para conseguir o desenvolvemento dun Plan de modernización das súas fábricas en Galiza que conte co máximo respaldo social e sindical".