Como é que a Galiza ten un dos carburantes máis caros do Estado?
Durante anos, os carburantes na Galiza foron os máis caros do Estado, só por detrás dos de Illes Balears, un territorio penalizado pola insularidade e a falla de refinarías. Detrás desa realidade estaba, entre outras cuestións, o céntimo sanitario, declarado ilegal pola Xustiza europea hai agora case dez anos.
Aínda así, segundo o informe mensual de prezos petrolíferos do Ministerio de Transición Ecolóxica correspondentes ao pasado mes de xaneiro, a Galiza foi a cuarta autonomía cos prezos medios máis altos no caso do gasóleo (140,6 céntimos por litro) e a quinta na gasolina (152 céntimos por litro).
Estes valores superan en 1,1 e 1,9 céntimos, respectivamente os valores medios estatais, pero a diferenza elévase se a comparativa se fai máis polo miúdo. Así, en Ourense, onde presentan un dos prezos máis altos do gasóleo a nivel estatal (141,6 céntimos por litro) e o máis elevado na gasolina da Galiza (152,4 céntimos por litro), páganse 4,9 céntimos máis que en Almería pola gasolina e 6,7 céntimos máis que en Teruel polo diésel.
Estas diferenzas entre o interior e a costa da Galiza explícanse por varios factores. En primeiro lugar, porque o país conta na Coruña cunha refinaría de cru e, xusto ao outro lado da estrada, cunha planta de Exolum (antiga Compañía Loxística de Hidrocarburos), desde a que se distribúen os carburantes xa preparados para o seu consumo.
En Vigo, Exolum posúe tamén instalacións de distribución de combustíbeis, que chegan desde A Coruña directamente por un gasoduto que atravesa a Galiza de norte a sur.
Esta circunstancia, sumada ao feito de que se trata de zonas urbanas cun alto tránsito de vehículos e cunha extensa oferta comercial, tanto das grandes ─Repsol, Cepsa, BP e Galp, fundamentalmente─ como das firmas independentes e de baixo custo, fai que o prezo que se paga nestas zonas sexa sensibelmente inferior ao que se paga no interior do país.
Como explica a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) no boletín de distribución de carburantes en estacións de servizo correspondente ao mes de marzo, no que analiza o caso concreto de Ourense, a menor dispersión de prezos media "podería ser indicativa dun menor nivel de competencia inter-marca" con respecto ao resto do territorio, "motivada principalmente pola menor presenza de instalacións independentes", indica o documento do regulador.
Máis competencia para baixar os prezos
Nas principais cidades do país, Vigo e A Coruña, faise patente esta realidade. A irrupción de firmas de baixo custo, que se caracterizan por ofrecer prezos sensibelmente inferiores aos das grandes firmas á custa de prescindir de servizos como a cafetaría, a tenda ou a atención presencial, forzou a competencia a axustar as tarifas nesas áreas con respecto a outras zonas nas que opera.
Tamén hai outras firmas, como Carbugal e Galioil, de capital 100% galego, que procuran que a cidadanía non sufra cada vez que ten que encher o depósito sen renunciar a crear novos postos de traballo.
Con todo, desde o sector explican que o produto que se ofrece non difire moito do que se pode atopar nas estacións de servizo de bandeira ─as das grandes─, que o único que fan é engadir aditivos aos carburantes que saen das refinarías.
En calquera caso, cos prezos en máximos ─ a gasolina alcanzou de media a semana pasada os 157,5 euros por litro e o diésel os 146,2─, as persoas consumidoras mirarán con máis detalle os prezos das estacións de servizo. As de baixo custo levan as de gañar, de aí que a súa presenza se teña incrementado tanto nos últimos anos, contribuíndo, iso si, a que a Galiza non sexa o territorio máis caro.