Vivenda

A compravenda de vivendas volve a terreo negativo en maio ao caer 22%

Vista dun edificio residencial de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press).
Do total de operacións efectuadas na Galiza no quinto mes do ano, case todas foron de vivenda libre (1.343), con só 27 casos nos que se trataba dunha protexida.

A compravenda de vivendas na Galiza afundiu 22,3% o pasado maio en comparación co mesmo mes de 2023, con 1.370 operacións, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística esta segunda feira. Así, a compravenda volve a terreo negativo após a repunta interanual rexistrada en abril.

A caída na Galiza é a cuarta máis acusada de todo o Estado español, nun mes de descenso medio de 21,5% no conxunto estatal. E se ben o descenso é xeneralizado, prodúcese con menor intensidade en Euskadi (-3%), A Rioxa (-8,6%) e Estremadura (-14,2%).

Do total de operacións efectuadas na Galiza en maio, case todas foron de vivenda libre (1.343), con só 27 casos nos que se trataba dunha protexida. A maioría foron de vivenda usada, con 1.025, e as 345 restantes eran de nova construción.

As operacións realizadas en total en maio sobre vivendas foron 2.617: as 1.370 compravendas e mais 684 herdanzas, 15 doazóns, 547 do apartado 'outros' e unha permuta.

E de forma global, as leiras transmitidas na Galiza en maio foron 6.564, das cales 4.833 eran urbanas —2.617 vivendas, 2.016 doutro tipo urbano e 200 solares— e 1.731, rústicas. A venda de leiras caeu até 34% na comparativa interanual no país.

No tocante ás leiras urbanas, a transmisión produciuse do seguinte modo: 2.493 compravendas, 1.180 do apartado 'outros', 1.115 herdanzas, 35 doazóns e 10 permutas. Por parte das leiras rurais, a repartición é a seguinte: 727 herdanzas, 668 compravendas, 303 doutro tipo, 22 doazóns e 11 permutas.