Concentracións contra as políticas antisociais do PP

As persoas concentradas cortaron o tráfico na capital galega

As centrais sindicais mobilízanse nesta sexta contra as medidas aprobadas polos gobernos do PP

A Confederación Intersindical Galega (CIG) xunto coas delegacións na Galiza de CC.OO e UGT, convocaron nesta sexta, concentracións nas principais cidades do país contra a vaga de recortes e axustes aprobados polo goberno español e galego, mais tamén contra as medidas anunciadas nestes días.

As mobilizacións enmárcanse na campaña contra as medidas anunciadas polo goberno de Mariano Rajoy, que desenvolven conxuntamente as organizacións sindicais con representación na Galiza. 

@s manifestantes condenaron as recomendacións do Banco Central Europeo publicadas no último seu último informe. Neste senso, a CIG alertou do perigo que supón a aplicación das medidas propostas pola institución europea pois aseguran que “provocarán máis recesión, máis paro e afondarán na perda de dereitos laborais”.

Os recortes promocionados polo BCE, súmanse ás medidas anunciadas nestes días polo goberno de Rajoy, entre as que se atopa a regulación de despedimentos colectivos na administración pública ou a eliminación da paga extra @s traballador@s públicas. Para a CIG, a grave situación económica e laboral non só non mellorará senón que empeorará froito da aprobación e aplicación deste tipo de políticas antisociais que prexudican gravemente os dereitos da clase traballadora.

Así pois, a central nacionalista defende que outras políticas son posíbeis fronte á crise apostando por medidas que aumenten os ingresos públicos –como a reforma fiscal-- ou o incremento do investimento público a través da creación dunha entidade financeira de carácter público que proporcione crédito ás pequenas e medianas empresas do noso país.