Xustiza

Ángel Ron (Banco Popular) debe ser xulgado por estafa, segundo a Audiencia Nacional

Ángel Ron chegando ao xuizo na sede da Audiencia Nacional, nunha foto de arquivo. (Foto:Alejandro Martínez Vélez/ Europa Press).
O ex presidente do Popular responderá da ampliación de capital realizada en 2016.

A Sala do Penal da Audiencia Nacional (AN) confirmou esta terza feira que o ex presidente do Banco Popular, Ángel Ron, ten que ser xulgado polos presuntos delitos de estafa a investidores e falsidade contábel que puido cometer na ampliación de capital do 2016, previa á resolución da entidade.

Os maxistrados da Sección Cuarta desestiman, desta maneira, o recurso que presentou Ron contra a decisión do xuíz José Luis Calama de propoñer sentarlle no banco dos acusados. Foi o pasado mes de marzo cando o instrutor ditou ese auto, no que aseguraba que os investidores acudiron "enganados" á ampliación.

A principios do mes de marzo o maxistrado acordou procesar trece directivos -entre os que se contan Ron e o seu vicepresidente, Roberto Higuera- e á consultora PriceWaterhouseCoopers (PwC). A defensa de Ron recorreu asegurando que a investigación puxo de manifesto "a ausencia de todo indicio de actuación delituosa" na súa xestión. Pola contra, os xuíces explican que o obxecto do procedemento son uns feitos que derivan da aprobación e execución da ampliación de capital acordada polo Banco en 2016, unha tarefa da que "non pode deixarse de lado nin apartarse a figura do presidente da entidade bancaria". 

OPA de BBVA ao Sabadell

A Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) acordou terza feira admitir a trámite a solicitude de Oferta Pública de Adquisición (OPA) de carácter hostil que BBVA presentou sobre Banco Sabadell, segundo informou a entidade catalá a través dun comunicado. 

A CNMV afirma que a documentación achegada axústase ao Real Decreto neste tema mais sinala que esta admisión a trámite da solicitude "non supón pronunciamento algún sobre a resolución relativa á autorización da oferta, ou calquera dos seus termos".