Contas reprende a Xunta polos "erros" na xestión duns Fondos de Compensación nos que Galiza é a autonomía que máis perdeu

A estatística publicada polo Consello de Contas revela o descenso na percepción de Fondos de Compensación Interterritorial na Galiza. (Gráficos: Nós Diario / Fonte: Consello de Contas)
Entre os anos 2017 e 2022, a Galiza perdeu 11,26% da contía anual nos Fondos de Compensación Interterritorial. Ademais, o Consello de Contas reprende o Goberno galego pola súa xestión das partidas, cun índice de execución de 49% no exercicio do ano 2022. 

Galiza é a autonomía do Estado español que máis Fondos de Compensación Interterritorial (FCI) perdeu nos últimos anos, segundo certifica o Consello de Contas -ente fiscalizador da xestión económica do sector público galego- no seu informe publicado esta semana sobre a fiscalización dos FCI en 2022. A dotación destes fondos prevista para Galiza foi de 39.351.680 euros en 2022, o que representa unha cota de participación de 9,10% da dotación global. Esta participación é lixeiramente superior á do exercicio 2021 (8,91%), explica a institución, mais fica substancialmente por baixo da de 2017 (10,25%). 

A participación galega nos fondos de compensación pasou de 10 a 9% entre 2017 e 2022

Ademais, "se comparamos a dotación dos anos 2022 coa de 2017, Galiza rexistra un descenso de -11,26%, pasando a ser a autonomía que máis dotación perde xunto con Estremadura (-11,19%) e Cantabria (-8,43%)", sinala o informe de Contas.

Atendendo ás contías, o Fondo de Compensación recibido pola Galiza estivo composto en 2022 por 29.514.500 euros dos FCI e 9.837.180 euros do Fondo Complementario. Neste sentido, os orzamentos da Xunta da Galiza para esa anualidade fixeron unha mala estimación da cantidade a percibir, xa que "a dotación inicial dos FCI-2022 nos orzamentos da Xunta ascendía a 49.351.680 euros, importe que superaba en 10 millóns de euros a dotación contemplada nos orzamentos xerais do Estado".

Este reparto esta taxado por lei, polo que a estimación da Xunta supón un considerábel erro contábel. Neste sentido, a ponderación dos FCI responde na maior parte á variábel de poboación de dereito relativa (87,5%), que introduce a densidade de poboación con residencia oficial no territorio como elemento corrector na distribución de fondos. 

As outras variábeis que se teñen en conta son o saldo migratorio de cada comunidade nos últimos dez anos (1,6%), o cociente entre o número de persoas desempregadas e activas en cada comunidade (1%), a superficie de cada comunidade (3%), e o número de entidades singulares por quilómetro cadrado de cada comunidade (6,9%).

Precisamente, a forma de ponderar e calcular o reparto de fondos é un dos debates máis actuais dentro dunha posíbel reforma do sistema de financiamento, no que a consideración que reciben elementos como o envellecemento da poboación está no centro das discusións.

Actualmente, as autonomías beneficiarias dos FCI son Galiza, Andalucía, Castela e León, Estremadura, Castela-A Mancha, País Valencià, Canarias, Asturias, a Rexión de Murcia, Cantabria e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla, segundo o estabelecido na normativa de 2021 que regula estes fondos.

Contas ve "insuficiencias" do Executivo da Galiza

"O Fondo de Compensación e o Fondo Complementario destínanse a financiar gastos de investimento nos territorios comparativamente menos desenvoltos que promovan directa ou indirectamente a creación de renda e riqueza no territorio beneficiario", explica o Ministerio español de Política Territorial e Memoria Democrática.

A este respecto, Contas reprende a Xunta posto que a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma (IXCA) da Galiza, centro directivo encargado da contabilidade, "non conta cun sistema que dea cobertura específica e integral a cada un dos proxectos financiados cos FCI, de tal forma que vincule as operacións de gastos efectuados, pagamentos materializados, peticións de fondos efectuadas, ingresos recibidos e cobros realizados". Por outra parte, no informe tamén se determinan "insuficiencias na información facilitada pola Dirección Xeral de Planificación" con respecto a estes fondos.

"Reiteramos a necesidade de que a autonomía incorpore, ao seu orzamento, os seus remanentes de crédito con independencia das diferenzas que existan entre estes e os remanentes do Ministerio de Facenda e Función Pública, diferenzas debidas a erros cometidos pola Xunta", sinala o informe de Contas. 

"Por último, recordamos que nos exercicios 2014, 2015 e 2016 na autonomía existen créditos incorporados e executados en proxectos financiados coas modalidades de financiamento dos FCI por importe de 476.735,56 euros nos que non se consignou ningún número de proxecto dos Fondos de Compensación que figuran no Ministerio", engade.

Índice de execución

Galiza deixou 51% dos investimentos sen Executar no exercicio 2022

"Respecto á execución dos proxectos financiados cos FCI-2022 recoñecéronse obrigas por importe de 27.839.084,59 euros e realizáronse pagamentos por importe de 23.586.655,45 euros, polo que os índices de execución alcanzou 71%", sinala Contas. As carencias de execución acumuladas ao longo dos anos permitiron engadir remanentes aos FCI por 63.191.456,64 euros (deixando 1.511.058,22 euros sen incorporar). Con todo, segundo Contas, a execución destas incorporacións foron de 36% (22.570.665,26 euros). "En resumo, a dotación dos proxectos financiados cos FCI no exercicio 2022 ascende a 102.543.136,64 euros e recoñecéronse obrigas por importe de 50.409.749,85 euros, polo que o índice de execución alcanzou o 49% da dotación", conclúe.

A oposición critica Rueda por non investir os recursos  

Ana Miranda, a eurodeputada do BNG, criticou esta quinta feira a "baixa" execución e a xestión "curtopracista" e "caciquil" de fondos da Unión Europea (UE) por parte da Xunta da Galiza tras o informe ao respecto publicado esta semana polo Consello de Contas. Pola súa parte, o portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, tamén se referiu aos últimos informes do Consello de Contas para censurar ao "incapacidade" da Xunta para xestionar os fondos da UE. "Galiza deixou de executar só no ano 2022, segundo Contas, máis dun 50% dos fondos da UE que recibiu. Estamos a falar de máis de 1.183 millóns de euros", sinalou. 

"É un chiste", di Prado

A secretaria xeral do PP, Paula Prado, defendeu esta quinta feira a xestión do Goberno galego do financiamento chegado da UE e concluíu que, dado o que "tarda" o Executivo estatal en trasladar os fondos comunitarios, "dicir que a Xunta non é capaz de xestionalos é un chiste". Tamén se pronunciou ao respecto o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, quen afirmou que os fondos da UE non executados en 2022 non se perderán e gastaranse en seguintes exercicios. En concreto, sobre as partidas do mecanismo de recuperación, explicou que se poderán executar até 2026: "Non perderemos nin un euro".