A converxencia da Galiza coa Unión Europea retrocede a niveis de hai 20 anos

Xente paseando por Ribadeo nunha imaxe de arquivo (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O PIB per cápita en poder de compra está a 18 puntos da media da UE.

En 2020, o Produto Interior Bruto (PIB) diminuíu 5,9% na Unión Europea dos 27 (UE-27)en comparación con 2019. Os cambios nas distintas rexións da UE oscilaron entre a caída de -22,2% do PIB na área do Exeo Meridional en Grecia e o aumento de 10,7% da rexión do Sur de Irlanda. O PIB resentiuse da pandemia da Covid e diminuíu en todas as rexións europeas agás en catro: as tres irlandesas e Mayotte, un territorio de ultramar en Francia.

Mais non en todas as rexións ese descenso é igual nin ten as mesmas consecuencias e repercusións na súa economía. Na Galiza, a porcentaxe de perda de PIB en 2020 foi de 9%, superior á maioría das rexións portuguesas, agás o Alentejo, e das comunidades do Estado español.

Perda de riqueza

O Produto Interior Bruto per cápita en termos de poder de compra situouse na Galiza en 23.300 euros. Isto supón 78% da media da UE-27 (100), que atinxiu os 29.900 euros. 

A Galiza perdeu catro puntos a respecto do exercicio anterior, 2019, e retorna aos niveis de converxencia coa Unión Europea que tiña en 2001, hai dúas décadas, cando o PIB por persoa era 79% do que tiñan de media dos europeos.

A porcentaxe é a máis baixa da serie desde 2001 e está moi afastado dos maiores niveis de converxencia coa UE que rexistrou a Galiza, que se alcanzaron en 2008 e 2009, con 92%, segundo os datos que publica Eurostat, a Oficina estatística europea. Ademais, seguimos a estar lonxe mesmo do nivel de converxencia do Estado español coa propia Unión Europea, que se sitúa en 84%, porcentaxe a respecto da que ficamos 6 puntos por baixo.

Malia esta fenda desfavorábel a Galiza, a asignación de fondos europeos por habitante no marco dos Next Generation sitúa o territorio galego en décimo posto: 681 millóns de euros dos por volta de 11.200 millóns que o Goberno español distribuíu entre as comunidades.

Competitividade

En competitividade rexional a Galiza está na posición 190 entre as 238 rexións de Europa, un posto por baixo da media e que supón un retroceso de 9 lugares a respecto do que a Galiza tiña en 2016 (181) e de 8 sobre o de 2013 (182). 

O ‘Regional Innovation Scoreboard’ (Índice de Innovación Rexional) da Comisión Europea analiza a capacidade e realidade innovadora de 238 rexións e clasifícanse as mesmas en base a 17 indicadores. O nivel de desenvolvemento galego atópase en 3 de 5, similar ao doutras comunidades como o Algarve portugués, Yorkshire (Reino Unido), Namur (Bélxica) ou Asturies.

Norte de Portugal

En 15 dos 17 indicadores do índice rexional de innovación a rexión Norte de Portugal presenta unha mellor posición relativa que a Galiza e sitúase no posto 100, o que supón 90 por diante da Galiza. Así, o territorio galego forma parte das denominadas ‘rexións innovadoras moderadas’ de Europa, mentres que o Norte de Portugal está considerada como 'innovadora forte'.

Ademais, en 2020 a caída do PIB nesa zona ao sur do Miño foi menor que o 9% que experimentou a Galiza: -5,7%.