Análise

A crise cuestiona o modelo económico do Estado

As criticas ao confinamento como xustificación dunha crise estrutural do sistema español

O modelo económico español segue a ser debedor no esencial do deseño validado no Plano de Estabilización de 1959, baixo o ditado do Fondo Monetario Internacional. As orientacións acordadas naquela altura polos coñecidos como tecnócratas do réxime fiaron o desenvolvemento do Estado español a un fluxo constante de ingresos derivados do gasto turístico e ao investimento de capitais estranxeiros, nun primeiro momento na industria e posteriormente nos servizos. O deseño vai rematar cunha especialización produtiva onde as actividades ligadas ao negocio turístico xogan un papel chave, sinalándose a hostalaría e a construción residencial, e cun modelo de relacións laborais caracterizado pola precariedade e de alta temporalidade dos empregos.  

Os posteriores axustes nesta folla de ruta derivados da crise do petróleo de 1973, da integración na Comunidade Económica Europea e da Longa Depresión de 2008 non alteraron no esencial liña, onde a desvalorización interna xogou un papel chave. O sinais de esgotamento deste modelo foron evidentes con anterioridade á pandemia, destacando a crise do sector inmobiliario que operou como un factor chave no estoupido da década pasada e cuxa actividade segue sen recuperarse. Ao tempo, os retallos salariais e a contracción no crédito bateron noutro piar do sistema, o consumo interno, cun papel tamén chave na lóxica de acumulación.

Unha parte minoritaria dos economistas veñen reparando nos últimos tempos nestas circunstancias. Así, Pedro Ramiro e Erika González sinalaron en novembro de 2019 que “ a especialización turística-inmobiliaria da economía española, que funcionou como motor do crecemento dos beneficios empresariais durante practicamente catro décadas  e media, amosou os seus límites á hora de servir a un novo modelo de acumulación”. Ao tempo, advirten que “ a incapacidade do spanish model para camiñar cara a creación de emprego en condicións aceptábeis e a súa tendencia ao empeoramento xeneralizado das condicións de vida”.

Ramiro e González, no seu recomendábel libro A donde va el capitalismo español?, afirman que “a posición económica de España no sistema-mundo e a súa especialización económica nos sectores da construción e do turismo, unidas á imposibilidade de recomposición da clase media arredor doutro ciclo longo de expansión inmobiliario-financeira, apuntan directamente a unha crise orgánica do capitalismo español”. Neste contexto, a pandemia do coronavirus acelera as contradicións estruturais dun modelo de desenvolvemento en estado catatónico e saca á superficie as vergoñas dun economía con problemas de fondo.

O rigor e a duración do confinamento non foi superior no Estado español ao do resto dos países da súa contorna. Se a caída do seu Produto Interior Bruto (PIB) no último trimestre do ano se sitúa en 18,5%, máis de seis puntos por riba da media comunitaria e moi por diante de nacións como Portugal, Francia ou Italia é pola súa alta dependencia do turismo e por carecer dunha estrutura económica diversificada. Outro tanto acontece coas súas altas porcentaxes de parados, encabezando a destrución de emprego na Unión Europea até sumar practicamente 23% da caída total da ocupación. Non é casual, tampouco, que este se concentre naqueles sectores da actividade e segmentos de poboación onde é maior a temporalidade.

O peor comportamento da economía estatal fronte a pandemia responde a razóns estruturais. As críticas ao confinamento fan parte do discurso do acompañamento que precisa o capital para restaurar a taxa de ganancia nun momento de implosión do modelo de desenvolvemento iniciado á volta de 1959.