"Os danos poden ser irreparábeis". Piden a dimisión de Teresa Ribera por mor do POEM

Rolda de prensa da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños (Foto: Nós Diario).
A Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños mantivo unha reunión coa Lonxa da Coruña na cal valoraron as consecuencias da aprobación dos novos Plan de Ordenación dos Espazos Marítimos (POEM).

A Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños mantivo unha reunión coa Lonxa da Coruña na cal valoraron as consecuencias da aprobación dos novos Plan de Ordenación dos Espazos Marítimos (POEM).

Segundo a plataforma, “a aprobación dos POEM con amplas reservas de espazo mariño en zonas ricas en caladoiros de pesca e onde traballa o sector pesqueiro supón un ataque directo á liña de flotación do noso sector e da inmensa riqueza pesqueira que temos nas nosas costas”.

“Por todo iso instouse a que se retiren de inmediato os POEM e a dimisión da Ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, por este ataque e desdén con que tratou tanto aos nosos ricos ecosistemas mariños e nosa secular actividade”, acrecentaron.

Para alén diso, desde a Plataforma engaden que “se porán en marcha unha serie de actuacións para parar pola vía política e xurídica este ecocidio e pescacidio”.

“Instarase tamén os municipios costeiros que se aproben mocións rexeitando os POEM e pedindo a dimisión da ministra Teresa Ribera”, manifestan desde a plataforma.

Observatorio do Litoral

A Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños tamén fixo mención a través dun comunicado da súa intención de pórse en contacto co Observatorio do Litoral da Universidade da Coruña (UDC) “para valorar unha posíbel impugnación na vía contencioso-administrativa do Real Decreto que aprobe os POEM cando este se publique no BOE”.

“De levar acabo esta impugnación solicitaremos tamén a suspensión do Real Decreto polos prexuízos irreparábeis que pode ter nos ecosistemas mariños e no propio sector pesqueiro que se vería expulsado das súas zonas de traballo”, apuntan.

Concentración o 11 de marzo

“Levaremos a cabo unha concentración o día 11 de marzo fronte á Delegación do Goberno español para lembrarlle ao Delegado do Goberno os compromisos asumidos e instalo a que se pida a retirada dos POEM”, subliñan desde a Plataforma.