A débeda galega ascendeu a 12.397 millóns no primeiro trimestre, segunda maior cifra na serie histórica

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Parlamento. (Foto: Arxina)
Este dato supón un incremento de 227 millóns sobre o que fechara 2023.

A débeda da Galiza sitúase en 12.397 millóns de euros no primeiro trimestre de 2024, o que supón a segunda maior cifra na serie histórica, segundo os datos publicados esta sexta feira polo Banco de España. Este dato supón un incremento de 227 millóns sobre o que fechara 2023, aínda que está por baixo dos 12.608 millóns do primeiro trimestre do pasado ano, o maior rexistrado nunca no país.

No tocante á débeda respecto ao PIB, fica en 16,2% no primeiro trimestre de 2024, unha décima máis que o 16,1% co que concluíra 2023. Na comparativa interanual hai un descenso de máis dun punto sobre o 17,6% que se computaba no primeiro trimestre de 2023.

Pola súa parte, a Consellaría de Facenda destaca que Galiza reduciu a súa débeda en 211 millóns no último exercicio, cun descenso de 1,4 puntos. Ademais, xustifica como "puntual" o aumento de 1,9% intertrimestral no endebedamento do primeiro trimestre de 2024 e indica que é consecuencia da "falta de actualización por parte do Goberno estatal das entregas a conta do sistema de financiamento autonómico". Sinala que se empregou para "garantir a liquidez e compensar os prexuízos" desta situación ao non ser achegado a comezos de 2024.

Esta mesma semana o conselleiro do ramo, Miguel Corgos, demandou a Moncloa a actualización, "dunha vez por todas", das entregas a conta para este exercicio, xa que "ten un prexuízo de dous millóns de euros ao día para Galiza", polo que se acumulan xa "300 millóns de euros" no que vai de ano. Isto provoca, advertiu, "o consecuente gasto en xuros de catro millóns de euros".

329.000 millóns entre todas as comunidades

A débeda das comunidades autónomas creceu no conxunto do Estado español até os 329.000 millóns de euros entre xaneiro e marzo, o que representa 22,2% do PIB, cun aumento interanual de 2%.

Na comparativa por comunidades, Galiza ocupa o sétimo lugar por volume total, por detrás de Catalunya (87.253 millóns), País Valencià (57.676), Comunidade de Madrid (38.358), Andalucía (38.302), Castela-A Mancha (16.163) e Castela e León (13.833). Tamén é a duodécima con menor débeda por PIB, co País Valencià coa peor ratio (41,5%).