Detectan na Limia e Maceda dous novos focos de enfermidade hemorráxica epizoótica en explotacións bovinas

Unha vaca coa súa cría no Deza, comarca onde se detectaron os primeiros casos de EHE. (Foto: María Monteiro)
Coa declaración destes novos casos, a Galiza ten notificados focos en sete comarcas veterinarias. 

A Xunta da Galiza notificou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a detección de dous novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), que foron confirmados polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal da Galiza.

Segundo informou o Executivo galego, os focos localizáronse nas comarcas veterinarias da Limia e Maceda. Coa declaración destes novos casos, a Galiza ten notificados focos en sete comarcas veterinarias, todas na provincia de Ourense, neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor.

Esta é unha enfermidade infecciosa, mais non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente mediante a picadura de mosquitos do xénero 'Culicoides,spp'.

Vacina

A Consellaría do Medio Rural lembrou que esta cuarta feira empeza a comercializarse a nova vacina 'Hepizovac' fronte a este a esta enfermidade, elaborada por Vetia Animal Health, filial da farmacéutica galega Zendal dedicada á sanidade animal.

Esta vacina, que non é obrigatoria e está autorizada pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, poderá administrarse a bovinos maiores de dous meses.

Esta doenza non afecta as persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor, nin por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.