Demandan a multinacional Lactalis por “apropiación indebida” de 2 millóns de euros para gandeiros galegos

Protesto contra Lactalis

Unións Agrarias presentou unha denuncia no xulgado de Vilalba na que solicita a incoación de dilixencias e a depuración de responsabilidades penais.

Non foi sen aviso. Após meses Unións Agrarias advertindo a Lactalis que tomaría medidas polo que considera “apropiación indebida” de dous millóns de euros, a organización deu o paso. UUAA presentou unha denuncia no xulgado de Vilalba na que solicita a incoación de dilixencias e a depuración de responsabilidades penais. Afirma que a multinacional francesa retén indebidamente máis de dous millóns de euros que lle corresponden aos gandeiros galegos. É a cantidade que a distribución lle pagou a maiores, en virtude ao acordo co sector a finais de 2015, para que repercutise nos produtores e que, denuncia, Lactalis non fai, ficando con eeses cartos.

Lactalis é a principal recolledora de leite en Galiza, cuns 1.200 gandeiros. Súas son marcas como President, Lauki, Puleva, entre outras. Para alén da denuncia, os gandeiros rea,lizarán diversas accións para denunciar a actitude da multinacional, con campañas informativas.

Meses sen cobrar

Unións Agrarias tamén denunciou que por volta de 200 gandeiros levan meses sen cobrar polo seu leite, produtores aos que os primeiros compradores -intermediarios entre produtores e industrias- lles adebedan cantidades importantes. Deses 200 gandeiros, uns 50 non viron “un céntimo” desde inicio de ano.