Desempregad@s ocupan unha oficina do INEM en Compostela

Con esta protesta, desde a asemblea de desempregad@s da CIG quixeron denunciar a situación "indigna" na que se atopan as persoas desempregadas

 

A asemblea de desempregad@s da CIG ocupou na mañá desta cuarta feira un predio do INEM en Compostela, o situado perto do Parlamento de Galiza. Unha acción coa que este colectivo denuncia “que na actualidade directamente non hai ofertas de emprego nin INEM, nin apenas nas ETTs  e que, en todo caso o que estas últimas ofertan son empregos temporais, mal pagados e, no seu conxunto, precarios”.

Aliás, exixen da Xunta de Galiza un cambio radical de políticas, con investimento público nos sectores produtivos para que se xere emprego. Xunto a isto, reclaman un plan real de promoción do emprego que vaia acompañado das partidas orzamentarias necesarias; programas de formación para o emprego axeitados á realidade laboral de Galiza e que se manteñan uns servizos sociais dignos que eviten a exclusión social deste colectivo.