Despedida por pedir que se respectasen os seus dereitos como nai

A CIG exixe a readmisión da traballadora na empresa ADM. A operaria xa fora despedida durante un embarazo anterior e a firma tivo que readmitila obrigada pola xustiza.

A CIG denuncia o despedimento dunha traballadora da empresa de telecomunicacións e informática ADM, que traballa para MOVISTAR en Compostela, “como represalia por teren exixido que se respectaran os seus dereitos como nai”. Esta persoa, afirma a central nacionalista, xa fora despedida durante o seu primeiro embarazo e a empresa tivo que readmitila obrigada por unha sentenza xudicial.

“Unha vez reincorporada solicitou redución de xornada para poder conciliar o traballo co coidado da crianza”. A CIG-Servizos de Compostela denuncia que a partir de aí viviu “unha constante presión por parte da empresa que lle modificou o horario ilegalmente, o que a levou a presentar unha nova demanda contra ADM. “Foi outra sentenza xudicial a que obrigou de novo á empresa a respectar o dereito da traballadora”.

Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos, sinala que durante ese período a empresa mesmo chegou a eliminar o acceso a internet desde o seu ordenador, ni acceso a albaráns para realizar o seu traballo e mesmo foi a única que non recibiu a típica cesta de Nadal.

“Rancio machismo”

Malia eses precedentes, a empresa volveuna despedir ao reincorporarse tras dunha nova baixa por maternidade pechando a tenda na que realizaba as súas tarefas. Porén, Alonso considera que isto non xustifica o despedimento porque a traballadora podería ser readmitida en calquera das tendas que esta empresa ten en Compostela.

A CIG-Servizos denuncia o machismo “máis rancio e propio da idade media que impera nesta empresa”.