A despensa galega esperta o apetito dos 'holdings' chineses

O conserveiro é un dos sectores que esperta o apetito chinés.

Unha delegación de empresas de China reuniuse esta segunda feira co presidente da Xunta e o conselleiro de Industria, aos que trasmitiron o seu interese polo sector agroalimentario de Galiza, nomeadamente conservas, industria cárnica, viños e lácteos. No noso país China xa adquiriu unha conserveira, Albo, por 69 millóns nunha operación consumada a comezos de 2016. As empresas chinesas queren produtos de 'alta calidade' para introducilos no emerxente mercando do extremo oriente así como noutras latitudes.

O agroalimentar é para Pequín estratéxico. Dos 55.000 millóns de euros que Pequín move para mercar empresas fóra das súas fronteiras, unha parte importante vai para facer esas adquisicións nese sector. Quer deixar de ser un país importador para pasar ser unha potencia exportadora.

Ao longo destes anos estiveron facendo compras estratéxicas. Mercaron Syngenta, multinacional suíza de sementes, por 40.000 millóns de euros. Fíxéronse coa estadounidense Smithfields Foods, a maior produtora de carne de porco do mundo, após desembolsar máis de 7.200 millóns de euros. Consciente das súas limitacións (apenas o 10% da súa superficie é apta para o cultivo), Pequín alugou por 50 anos 1.200 quilómetros cadrados de zonas de cultivo en Siberia. A todos estes datos hai que engadir o importante aumento chinés nestes anos en produción de cereais, aceite de oliva, lácteos...

Galiza

Após lustros en que a súa presenza no noso país era máis que discreta, colleu pulo nos últimos anos: 300 millóns de euros investidos nestes catro exercicios, unha cifra que, en breve, poida que se amplíe a 500 millóns de se consumaren as últimas operacións de adquisicións que negocian firmas de Pequín.

[Unha reportaxea dupla páxina sobre o interese de China na economía galega foi publicado no Sermos Galiza 217]