Opacidade informativa da Xunta

Os dezasete millóns de euros para formación de traballadores que están ‘desaparecidos’

A Consellaría de Economía leva tres anos sen convocar cursos de formación continua para persoas ocupadas embora ter transferidas do Estado as partidas (8,5 millóns de euros por convocatoria) para iso.

A Consellaría de Economía non realizou as convocatorias de 2015/16 e 2016/17 para formación continua de persoas ocupadas. E nada se sabe, tampouco e polo de agora, da de 2017/18. Cada unha destas convocatorias está dotada por volta de 8,5 millóns de euros, que o Estado transfire á Xunta e que son partidas finalistas. É dicer, que non poden destinarse a ningún outro cometido ou función. Teñen que ir para esta formación continua.

 

Mais esa formación non se convoca e nada se sabe desas partidas económicas, deses no mínimo 17 millóns de euros (8,5 millóns de 2015/16 e outros tantos de 16/17) que a Xunta recibe do Estado. En marzo pasado, a CIG preguntaba polo destino deses fondos. “Non recibimos resposta algunha”, afirma Suso Seixo, naquela altura secretario xeral da CIG e agora presidente da Fundación Moncho Reboiras. Lembra que mesmo en xuntanzas coa presenza do propio conselleiro sacaron o tema e non tiveron resposta. “Preguntamos en diferentes instancias, e igual, nada, ninguén sabe nada”. O BNG levou tamén esta cuestión ao parlamento, mais non houbo resposta satisfactoria.

 

Esa formación non se convoca e nada se sabe desas partidas económicas, deses no mínimo 17 millóns de euros (8,5 millóns de 2015/16 e outros tantos de 16/17) que a Xunta recibe do Estado

 

“Todo isto é unha aberración”, considera Seixo, que destaca a gravidade desta situación por dúas cuestións. En primeiro lugar, porque é obrigado preguntarse “onde van eses 8,5 millóns de euros de cada convocatoria que non se fixo”. Fondos destinados á formación de libre concorrencia, aos que poden optar todas as entidades privadas ou sindicais que queiran impartir accións formativas. Por outra banda, porque vai xa para tres anos sen formación continua para os traballadores.

 

Das fundacións que tiñan constituídas as organizacións sindicais para impartir formación, só a CIG mantén a súa, “poñendo cartos das cotas dos nosos, porque se é polos recursos que dá a Xunta, teriamos que ter pechado”, asegura o presidente da Fundación Moncho Reboiras.