“Hai varias industrias ameazando con deixar de recoller o leite”

Desde a FRUGA advirten dunha situación que aponta cara a “unha primavera difícil” para os produtores.

Esta pode ser unha primavera “especialmente difícil” para os produtores galegos de leite, afirma Elías Somoza (Federación rural galega, Fruga), e afírmao sendo consciente de que nas explotacións saben ben o que son primaveras, e tamén o resto de estacións, difíciles. Somoza informa que hai “varias industrias” que están a ameazar con deixar de recoller o leite, algo que está a xerar moita preocupación entre os produtores. O que pasou con Leche Celta e Codegui – a industria con sede en Pontedeume deixou de recoller as 50 explotacións da cooperativa- en xaneiro, non sería pois un caso isolado. “Clea, que é un primeiro comprador, ameazou con deixar de recoller leite na Galiza nas vindeiras semanas”, indica Somoza, que aponta tamén a que Entrepinares “deixa 43 explotacións”. Unha situación que “había ben tempo que non se producía” e que “está a xerar moita preocupación”.

“En Euskadi, Catalunya ou Andalucía están a aumentar a produción de leite embora ter prezos máis altos que en Galiza”. Mentres, no noso país, temos que “producir menos”

Mais por que se produce agora está situación? Somoza indica que hai que ter en conta o tecido do sector en Galiza, con escasa presenza de industrias do país. “En Euskadi, Catalunya ou Andalucía están a aumentar a produción de leite embora ter prezos máis altos que en Galiza”. Porén, no noso país, “producimos menos”. Os motivos, “son as industrias as que din canto podes producir e canto non, a través do contrato”.

Grupos parlamentares

Nos vindeiros días a Plataforma pola defensa do sector lácteo galego encetará unha rolda de contactos e xuntanzas cos grupos parlamentares galegos. Reunións nas que trasladarán os representantes políticas cuestións como os prezos por baixo dos cutos de produción ou como parte da industria non repercute nos gandeiros as subas comprometidas perante o sector pola distribución o pasado mes de decembro.