A economía en foco

Do ‘tarifazo’ de 70 millóns de euros ao sarillo patronal

1) O tarifazo de 70 millóns de euros: Galiza, embora ser excedentaria en enerxía, vai pagar máis polo recibo da luz. O Ministerio de Enerxía anunciou que se vai repercutir na factura dos fogares galegos a cantidade total dos tributos autonómicos recadados en 2013 e que afectan a actividade eléctrica para poder así devolverlles os cartos ás compañías que pagaron eses impostos en Galiza. Como aponta Fernando Branco, de CIG-Industria, son catro os impostos a considerar: “canon eólico, ecotaxa, canon hidráulico e canon de saneamento (este último non é só específico para actividade eléctrica), en total suman unha cantidade duns 70 millóns de euros”.

 

2) O sarillo da patronal galega. O 10 de maio, eleccións na patronal galega. As cuartas que se realizan desde 2013, una reiteración que evidencia a fractura e división no seo da Confederación de empresarios de Galiza. Demitido Antón Arias, a CEG fica agora ao mando dos responsábeis das respectivas confederacións provinciais. Sobre a mesa, en principio, dúas opción: ou lista consensuada ou presidencias rotatorias.

 

3) Adeus á marca Pastor? Santander ten claro que as marcas Popular e Pastor teñen data de caducidade mais non está decidiu aínda cando cando. “O obxectivo final é que fique a marca Santander”,  responderon desde a entidade financeira a preguntas de Economía Digital. O Popular-Pastor era a segunda entidade en depósitos da Galiza, posuía por volta de 20 por cento da cota de mercado. Esta semana sóubose que 116 traballadores do Banco Popular en Galiza se acolleron ao Expediente de Regulación de Emprego do Santander. Galiza é, após Madrid, a segunda zona de negocio máis afectada polo ERE.

 

5) Déficit que non para de aumentar. Fátima Báñez, ministra de Emprego e Seguridade Social, adiantou os dados do déficit da Seguridade Social, en 2017: 17.000 millóns de euros, equivale 1,47% do PIB. A diferenza entre ingresos e gastos aumentou en case 300 millóns de euros a respecto de 2016. Nestes días decorreron diversas mobilizacións en Galiza – unhas convocadas por CCOO e UXT, e outras pola CIG- para exixir pensións dignas.

 

6) Condonar a débeda, Feijóo fóra de xogo. O ministro de facenda, Cristóbal Montoro, abre a porta a condonar a débeda autonómica, unha proposta que beneficia aquelas comunidades que máis tiraron do financiamento proveído polo Estado e entre as que non figura Galiza, que optou por financiarse no mercado privado. De feito, Galiza só pediu 2.500 millóns, pouco é fronte aos 35.000 millóns de Valencia ou 50.000 millóns de Catalunya. En Marea denunciou no seu momento os 1.600 millóns de euros que a Xunta paga de máis por se financiar con bancos e fondos privados. Feijóo sempre se opuxo a esta condonación por entender que castiga as comunidades "cumpridoras" coa austeridade. En Madrid non lle deberon facer moito caso.