Dúbidas sobre a tributación de Inditex nas importacións de Asia: a Xustiza da UE estudará a forma de proceder do grupo téxtil

A presidenta de Inditex, Marta Ortega (Foto: Europa Press).
O Grupo Inditex emprega ITX Trading como empresa intermediaria nas compras que realiza de produtos procedentes de Estados asiáticos.

O Tribunal Supremo (TS) expuxo ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) varias cuestións prexudiciais relativas á forma de tributar de Inditex polas importacións de pezas procedentes dos seus provedores asiáticos, un procedemento que, en principio, só afectaba a Massimo Dutti, mais que agora implica a todas as cadeas do grupo.

Segundo o auto, a cuestión prexudicial preséntase no marco dun litixio que enfronta o Grupo Massimo Dutti coa Axencia Tributaria, como consecuencia dunhas liquidacións practicadas polos conceptos Tarifa Exterior-Comunidade, dos exercicios 2014 e 2015, coas que mostra a súa desconformidade no que incumbe ao valor de aduana das mercadorías e a perda das preferencias arancelarias aplicadas no momento do seu despacho a libre práctica.

En concreto, as mercadorías son fabricadas en Estados asiáticos, cuxos fabricantes as venden a ITX Trading, estabelecida en Suíza. Posteriormente, ITX vende as mercadorías a Massimo Dutti. Prodúcense, por tanto, dúas vendas: unha primeira, do provedor asiático a ITX, e outra segunda, de ITX a Massimo Dutti. Con todo, as pezas de vestir son transportadas directamente desde Asia ao Estado español.

Fronte aos acordos de liquidación presentáronse senllas reclamacións económico-administrativas ante o Tribunal Económico Administrativo Central que, en resolución do 3 de xuño de 2020, estimou en parte as reclamacións, no único particular referente á procedencia da regularización íntegra do IVE, rexeitando os motivos esgrimidos contra a regularización polo concepto Tarifa Exterior-Comunidade.

Sentenza recorrida

Contra a resolución do Tribunal Económico-Administrativo Central, Massimo Dutti interpuxo recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional, que foi desestimado na sentenza do 24 de maio de 2022, obxecto do recurso de casación.

Na sentenza da Audiencia Nacional estimouse que o valor de aduana das mercadorías debía ser o correspondente á venda entre ITX e Massimo Dutti (segunda transmisión), dado que se trata dunha venda concluída "con vistas á exportación" ao territorio da Unión Aduaneira; sen que, ao seu xuízo, na primeira transmisión (fabricante asiático a ITX) quedase demostrada a finalidade da súa exportación a territorio da Unión Europea (UE).

Relevancia das cuestións prexudiciais

No auto do Supremo, datado o pasado 16 de xullo, a controversia subxacente consiste en precisar como debe interpretarse a exixencia de que a venda anterior, no caso de vendas sucesivas, se efectúe "con vistas á exportación ao territorio aduaneiro da Unión".

En concreto, a dúbida reside en se este requisito se cumpre coa mera introdución da mercadoría no territorio, entendido como ámbito xeográfico, en virtude de título de compravenda, con independencia do réxime aduaneiro no que posteriormente se inclúan as mercadorías e calquera que sexa o fin ao que se destinen, de modo que non sexa necesaria a comercialización das mercadorías na UE.

Ou se, pola contra, segundo o auto, se require que as mercadorías se introduzan no mercado da Unión Europea a través do despacho a libre práctica. "Este Tribunal Supremo debe resolver este recurso interposto por Massimo Dutti, empresa que forma parte do Grupo Inditex. Aínda que, debemos engadir que, en relación con outras empresas do mesmo Grupo, que reiteran exactamente a mesma operativa de venda (provedores asiáticos á mediadora ITX), existen distintos recursos de casación admitidos a trámite neste Tribunal, ademais de múltiples recursos en instancias xudiciais inferiores pendentes da decisión que se adopte nos citados recursos de casación. Deste modo, exponse idéntico debate", subliña o auto.