A economía galega medra nos últimos 12 meses apenas a metade que a española

Operarias nunha carpinteiría industrial

Creceu un 0,6% no segundo trimestre de ano e 1,8% nestes doce meses. A do estado español incrementou un 1 e un 3,1% respectivamene neses mesmos períodos.

A economía galega medra, mais moi por baixo do ritmo ao que o fai a española. Así, no segundo trimestre de 2015 a economía do noso país aumentou nun 0,6% mentres que a do Estado español fíxoo un 1%. Unha fenda que se mantén na comparativa interanual. Do segundo trimestre de 2014 a este segundo trimestre de 2015 a economía de Galiza medrou 1,8%. A española fíxoo por riba do 3%: un 3,1%.

Esta fenda entre a economía galega e a española non é unha novidade, Os dados do Instituto Nacional de Estatística indican que a economía galega medrou un 0,4% en 2014, un punto por baixo da media do Estado español (1,4%). Cómpre lembrar que en maio do ano pasado a propia Xunta a través da Consellaría de Economía variaba a súa previsión de medre para 2014, elevándoa até o 1,2%, catro décimas por riba do previsto no Orzamento. Elena Muñoz, conselleira, defendía a pertinencia desa variación en dados e interpretacións que sinalaban o bo momento da economía galega. Pouco despois, no outono, rebaixaba esa predición até o 0,9%.